IGUALDADE

A Corporación e a sociedade compostelá amosan o seu rexeitamento ás violencias machistas

25/11/2016 A Corporación compostelá amosou esta mañá, coincidindo co Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, o seu rexeitamento ante a lacra das violencias machistas.

Antes do comezo do acto gardouse un minuto de silencio pola última vítima de violencia de xénero, unha muller asasinada no día de onte en Fuenlabrada e que supón a vítima número 40 no que vai de ano no Estado. Mais non só estes datos son desalentadores. De feito, un 21% das mulleres menores de 25 anos que tiveron parella foron vítimas dalgún tipo de violencia machista, fronte ao 9% das mulleres en xeral e un 25% das mulleres mozas de 16 a 19 anos.

Manifesto institucional
O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, deu lectura a un manifesto institucional asinado por todos os grupos políticos. Noriega sinalou que "a violencia machista é un dos máis graves problemas a que nos enfrontamos na nosa sociedade, avanzando na visibilización dalgunhas violencias contra as mulleres grazas ao traballo de mobilización e concienciación dos diferentes movementos feministas e de mulleres".

O rexedor compostelán comprometeuse ademais, dende o marco da política municipal, a "situar a violencia de xénero como unha das prioridades na axenda política e continuar desenvolvendo medidas de concienciación do conxunto da veciñanza, prevención e educación para a igualdade entre as persoas máis novas. Tamén se prestará atención ao estudo permanente da realidade do concello no tocante a violencia de xénero, así como á avaliación das políticas desenvolvidas neste terreo e a garantir no ámbito local a atención e apoio integral ás vítimas mediante recursos públicos de calidade, coa axeitada formación do persoal para que poida desenvolver o seu traballo coa máxima rapidez e facilitar canto antes a superación deste tipo de situacións".

O acto por este 25 de novembro rematou cunha acción na que participaron persoas a título individual e voluntarios e voluntarias da campaña Compostela en Negro. Cun total de 450 paraugas negros e brancos e a participación de numerosas persoas, entre elas os centros educativos públicos de Santiago, creouse o logo da campaña na Praza do Obradoiro.

Manifestación en prol da igualdade
Ademais das accións institucionais, o movemento feminista convocou unha manifestación a partir das 20:00 horas, que sairá da praza 8 de Marzo para ir por Casas Reais, Cervantes, praza do Pan, Preguntoiro, Toural, rúa do Vilar e Praterías.

Direccións relacionadas



Compartir: