XUNTA DE GOBERNO

O Goberno local dá o último paso para a entrada en funcionamento da mellora da EDAR da Silvouta

25/11/2016 A Xunta de Goberno acordou hoxe dispoñer a posta en marcha das obras incluídas no proxecto de adecuación da EDAR da Silvouta, Fase III, executadas pola sociedade estatal Acuaes. Do mesmo xeito, aprobouse encomendarlle a súa explotación á empresa Viaqua, que deberá presentar un estudo dos custos reais de explotación, transcorridos tres meses desde a entrada en funcionamento das instalacións.

As obras de mellora da EDAR da Silvouta tiñan como obxectivo mellorar a calidade da vertedura da estación depuradora. O alcalde, Martiño Noriega, explicou que "esta actuación fará que o 70% das augas que se verten ao río Sar estean depuradas, fronte ao 50% actual. Aínda así, segue sendo unha porcentaxe inaceptable".

En relación a estas obras, a Xunta de Goberno tamén acordou deixar pendente de aprobación a Addenda nº 1 do convenio asinado no seu día con Acuaes para a execución destas obras, co obxectivo de aclarar a contía final das achegas das partes asinantes. Ao respecto, o rexedor sinalou que "o Concello discrepa coa cantidade que se lle está reclamando agora, 428.914 euros, despois de ter aportado xa máis de 300.000 euros para a mellora da EDAR".

Martiño Noriega lembrou "as ambigüidades do convenio asinado durante o pasado mandato", posto que nel recollíase que o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente aportaría un máximo de 3.760.000 euros para a actuación, Augas de Galicia un máximo de 470.000 euros e o Concello de Santiago o resto do importe, que naquel momento estaba estimado en 470.000 euros.

Nova sentenza gravosa para o Concello
A Xunta de Goberno tamén deu conta hoxe dunha nova sentenza xudicial que suporá importantes custos para as arcas municipais. Trátase dun fallo que estima parcialmente as demandas interpostas contra o Concello por Dolmen Asesores Inmobiliarios e Monte de Santas Mariñas, que resolven os contratos de compra-venda de predios no ámbito do SUNP-11 do Castiñeiriño asinados no seu día por esas empresas con Emuvissa.

As dúas resolucións entenden que Emuvissa incumpriu a obriga contractual de urbanizar as parcelas, cando menos nun prazo razoable, xa que os contratos asináronse en 2010 e as obras de urbanización concluíron en outubro de 2015. Por este motivo, o Concello terá que abonarlle 312.915 euros a Dolmen Asesores Inmobiliarios, e 82.552,8 euros a Monte de Santas Mariñas.

O alcalde lembrou que "son moitas as sentenzas gravosas para o Concello que están chegando nos últimos meses, e que non estaban presupostadas, polo que será necesario aprobar un modificativo de crédito con este obxectivo". A proposta será levada ao Pleno da Corporación ao longo do mes de decembro.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: