POLÍTICAS SOCIAIS

A praza do Matadoiro acolle unha Neveira Solidaria

23/11/2016 A Asociación Sahebbi, en colaboración coa ONG vasca GBGE, instalou na praza do Matadoiro unha Neveira Solidaria para que a cidadanía deposite os seus excedentes alimentarios e outras persoas poidan consumilos. O Concello tamén presta o seu apoio a esta iniciativa, que trata de educar no consumo consciente e responsable da alimentación e que fomenta un modelo de sociedade colaborativa co medio e coas persoas.

A concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández, e edil de Espazos Cidadáns, Jorge Duarte, visitaron esta neveira solidaria, nun acto no que tamén participaron as impulsoras do proxecto: Azucena Allede, da Asociación Sahebbi, e Ainhoa Crespo e Lara Cobos, da ONG CBGE.

O obxectivo da Neveira Solidaria é frear a alta taxa de comida que cada día remata no lixo (un 40% dos alimentos a nivel mundial) e que podería ser aproveitable para calquera persoa. A neveira está instalada no exterior para que a cidadanía poida acceder a ela libremente, tanto para depositar alimentos como para abastecerse.

Esta neveira, pioneira en Galicia, é a undécima da Rede de Neveiras Solidarias que están funcionando xa en todo o Estado e que busca seguir estendéndose para, de forma conxunta, favorecer unha corrente solidaria. O proxecto xa recibiu diferentes premios en distintas cidades onde foi instalado. Segundo os cálculos dos organizadores, cada neveira recupera ao mes uns 300 quilogramos de alimentos.

Consumo consciente e responsable
Este non é un proxecto "caritativo", xa que non se trata só de darlle comida a quen a precisa, que tamén, senón fundamentalmente de evitar o desperdicio de alimentos que diariamente acaban nos colectores do lixo. Por iso, ten unha finalidade educativa, á par de solidaria, e busca concienciar a cidadanía do valor da comida e da importancia de non dilapidar os alimentos e de facer un consumo consciente e responsable.

Trátase de que os depositantes (persoas, produtores, comercios ou todo tipo de entidades que acheguen alimentos) teñan un lugar onde deixar aquela comida sobrante para que os receptores poidan aproveitala. Deste xeito, o programa está dirixido á cidadanía no seu conxunto e tamén aos comercios que queiran participar.

Nesta neveira pódese depositar dende este mércores día 23 calquera alimento preparado no mesmo día ou que estea envasado. A comida debe ser introducida en recipientes transparentes e coa data en que foron cociñados. Non se pode deixar carne nin peixe crús nin tampouco ovos sen cociñar. Para garantir que o produto non se estraga, non se debe romper a cadea de frío máis de media hora. O mantemento, limpeza e retirada dos alimentos non aptos para o consumo realizarase unha vez á semana.

Direcciones relacionadas



Compartir: