XUNTA DE GOBERNO

Santiago intégrase na Rede Estatal de Entidades Locais pola Compostaxe Doméstica e Comunitaria

04/11/2016 O Concello de Santiago vaise sumar, a partir do 1 de xaneiro de 2017, á Rede Estatal de Entidades Locais pola Compostaxe Doméstica e Comunitaria. Así o acordou hoxe a Xunta de Goberno, segundo explicou o secretario do órgano, Xan Duro. O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia explicou que, con esta incorporación, "Santiago asume o compromiso de desenvolver políticas locais que impulsen a compostaxe doméstica e comunitaria, a través de campañas educativas e informativas, e de experiencias piloto".

Xan Duro lembrou o proxecto que ten en marcha o seu departamento, para a instalación de tres illas de compostaxe comunitarias en Galeras, Santa Marta e Salgueiriños. Ademais, sinalou que "a compostaxe estará recollida no novo prego do servizo de residuos sólidos urbanos, que debe entrar en vigor en 2018". O edil insistiu en que a directiva europea de residuos do ano 2008 sinala que, en 2020, o 50% dos residuos domésticos deben ser reciclados ou recuperados, "e iso só se pode conseguir actuando coa compostaxe sobre os restos orgánicos, que supoñen practicamente a metade da bolsa do lixo das familias".

Taxis adaptados
A Xunta de Goberno tamén acordou iniciar os trámites para a incorporación de dous novos taxis accesibles en 2017. Xan Duro lembrou que o Real Decreto 1544/2007, polo que se regulan as condicións básicas de accesibilidade nos modos de transporte, sinala que o 5% dos vehículos deben estar adaptados. Nesa liña, no Concello de Santiago incorporáronse tres taxis adaptados en 2009, un en 2011, outro en 2013 e un máis en 2015. Agora, comezan os trámites para sumar dous máis no ano 2017.

Informe sobre sentenzas xudiciais
Outro dos asuntos abordados na Xunta de Goberno de hoxe foi un informe do director da Asesoría Xurídica, relativo á catro sentenzas do Tribunal de Xustiza de Galicia do ano 2012, nas que se declara a inadmisibilidade dos recursos interpostos polo Concello de Santiago contra resolucións do Xurado de Expropiación de Galicia sobre o prezo xusto de expropiacións forzosas no proxecto da DM-6 ZL 85 en Triacastela.

O caso remóntase ao ano 2011, cando o Goberno local acordou presentar un recurso contencioso-administrativo contra a resolución do Xurado de Expropiación que establecía un prezo xusto de ata 359 euros/metro cadrado, moi por riba do determinado polo técnico municipal, que eran 60 euros/metro cadrado. As catro sentenzas sinalan que non se pode admitir o recurso do Concello porque non se presentou a documentación necesaria, ao tempo que cuestiona que "o Concello de Santiago estivo representado innecesariamente por procuradora e utilizando avogado colexiado e non os seus servizos xurídicos" neste procedemento. Ademais de ter que asumir o prezo xusto das expropiacións máis elevado, agora o Concello terá que pagar os custos do xuízo.

Outros acordos
A Xunta de Goberno tamén aprobou hoxe o desenvolvemento das actividades da campaña de sensibilización organizada pola Concellaría de Igualdade cara ao 25 de novembro, por un importe de 45.700 euros. Tamén se acordou concederlle á Fundación Amancio Ortega a licenza para a construción dunha escola infantil con seis unidades, no barrio do Castiñeiriño. O proxecto conta cun presuposto de 1.021.187,91 euros.

Documentos relacionados

Direcciones relacionadas



Compartir: