EDUCACIÓN E CIDADANÍA

Trinta escolares viaxarán a Segovia grazas ao programa "Aula de Patrimonio"

02/11/2016 O concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, presentou unha nova edición do programa Aula de Patrimonio, que se leva celebrando varios anos no concello compostelán xunto co resto de cidades Patrimonio da Humanidade. O programa está dirixido a grupos de escolares de 5º e 6º de Primaria.

Para participar no programa, os centros interesados deben enviarlle ao Departamento de Educación de cada cidade a folla de inscrición adxunta, como tamén o guión dun traballo que estea relacionado co Patrimonio, antes do 15 de decembro de 2016. O tema elixido para o traballo será "A función social do Patrimonio", cuxo contido poderá encamiñarse cara os seguintes aspectos: os museos, a accesibilidade, o turismo, a creatividade, o patrimonio como recurso educativo ou o patrimonio como identidade cidadá/iconografía.

O grupo que resulte seleccionado deberá entregar ás persoas organizadoras o traballo anteriormente citado, xa plenamente desenvolvido, antes do 15 de febreiro de 2017. Este traballo será publicado no portal do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España, www.ciudadespatrimonio.org, no que todos os centros participantes no programa intercambiarán experiencias e actividades preparatorias das viaxes.

O número de alumnos/as participantes por centro seleccionado limitarase a 30, que irán acompañados de dous profesores/as. As viaxes, cunha duración de tres días e dúas noites, levaranse a cabo dentro do mes de marzo de 2017. A participación no programa é de balde, de xeito que os gastos da viaxe do grupo (transporte, aloxamento e manutención) á cidade seleccionada correrán por conta do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España. Cada concello nomeará un comité de selección, que será o encargado de elixir o grupo participante. Este comité baseará a súa decisión, entre outros criterios, na orixinalidade e no interese da proposta de traballo que presenten os candidatos.

Os grupos seleccionados para participar serán ao mesmo tempo "grupo anfitrión", encargado de acoller e ensinar a súa cidade a un grupo de escolares
procedente doutra cidade patrimonio, e "grupo visitante", que viaxará á cidade elixida de entre as 15 que forman o Grupo. Este ano pártese cunha novidade, que é que os alumnos e alumnas serán cidade anfitrioa dunha das 15 cidades Patrimonio e cidade visitante doutra diferente. Así, o centro escolar de Santiago que sexa elixido visitará Segovia e recibirá a alumnado de Toledo.

Preténdese que a clase elixida como "anfitrioa" realice un labor de guía turístico e cultural do alumnado visitante, logo dun traballo de recompilación, documentación e investigación, relacionando este labor divulgativo de amosar a súa cidade patrimonio con outros temas transversais educativos.

Programa de conciliación
Manuel Dios avanzou as condicións do Programa de Conciliación de Nadal, que terá lugar nos centros Raíña Fabiola e Fontiñas. Será os días 22, 23, 24, 26, 27, 28, 29 e 30 de decembro e os días 2, 3, 4 e 5 de xaneiro. As persoas interesadas poden optar por inscribirse todos os días do programa ou por días soltos. Hai un total de 100 prazas previstas, en función da demanda dos últimos anos, pero existe a posibilidade de amplialas no caso de ser necesario.

O concelleiro destacou tamén que este programa é o único da cidade que oferta o servizo de comedores e madrugadores, o que "facilita aínda máis a conciliación para as familias".

Obras nos colexios
Preguntado polos xornalistas, o concelleiro de Educación informou sobre as obras que acordaron realizarse nos centros públicos de Compostela xunto coa Xefatura Territorial de Educación. Manuel Dios explicou que a o groso das obras "se levarán a cabo no verán para non perturbar as actividades académicas dos centros".

En todo caso, unha das actuacións principais será a construción dunha pasarela no CEIP das Fontiñas, para que o alumnado de Educación Infantil poida acceder ao comedor por unha zona cuberta. Trátase dunha demanda histórica do centro que virá acompañada pola construción dun novo comedor para o colexio que se situará na planta baixa do mesmo.

Ademais, acometeranse obras nun total de dez centros, entre as que se inclúen os patios cubertos, como os que xa se levaron a cabo no Pío XII ou no López Ferreiro por parte da Xefatura Territorial de Educación.

Documentos relacionados



Compartir: