MEDIO RURAL E EQUILIBRIO TERRITORIAL

Rematadas as obras viarias do POS 2015

31/10/2016 O concelleiro de Medio Rural e Equilibrio Territorial deu conta hoxe da finalización das obras de Escarabuña e Pedreira, financiadas con cargo ao Plan de Obras e Servizos (POS 2015) da Deputación da Coruña. Rafael Peña explicou tamén que xa están adxudicadas ou a piques de ser adxudicadas outras actuacións incluídas no PAS 2016, así como traballos de reparación de pavimentos financiados cos remanentes municipais.

Un dos proxectos xa concluídos é o de repavimentación nas rúas Escarabuña e anexas, que supuxo un investimento total de 207.226 euros. Actuouse en 5.000 metros de pistas do rural nas parroquias de Santa Cristina e San Xoán de Fecha (46.000 euros), Nemenzo (30.000 euros), San Caetano (44.000 euros), A Peregrina (70.000 euros) e Figueiras (3.500 euros).

Tamén está xa practicamente finalizado o proxecto de repavimentación das rúas Pedreira e anexas, cun investimento total de 174.744 euros. Neste caso actuouse xa en pistas de Villestro (40.000 euros), Marrozos (17.000 euros) e Aríns (58.000 euros). Quedan pendentes as obras de repavimentación en Laraño, na pista que vai de Bugallido á Barcia, que se van executar na noite de mañá, polo que este viario estará pechado ao tráfico desde as 21:00 horas do 1 de novembro ata as 07:00 horas do día 2 de novembro.

Outras obras
O concelleiro de Medio Rural e Equilibrio Territorial aproveitou para anunciar que a próxima semana está previsto que comecen as obras de reparación, conservación e mantemento da rúa Teresa Jornet e anexas, adxudicadas por un importe de 120.198,11 euros máis IVE. A actuación tamén vai ser financiada con cargo ao POS 2015 da Deputación da Coruña.

Á marxe das obras financiadas con fondos provinciais, Rafael Peña explicou que nas próximas semanas se empezará a traballar noutras actuacións financiadas con cargo a remanentes municipais. Así, lembrou que a Xunta de Goberno vén de adxudicar os traballos de reparación do firme do viario de servizo da avenida do Cruceiro da Coruña (marxe oeste), por un importe de preto de 150.000 euros, e a mellora do pavimento no viario de Reboredo a Lavacolla, por 112.000 euros. Ademais, está previsto que esta semana queden adxudicadas as obras de mellora das rúas Picaños, Santas Mariñas e A Estrada, ás que se destinarán algo máis de 370.000 euros.

Compartir: