XUNTA DE GOBERNO

O Concello remite á Xunta o Plan Especial do ámbito da estación intermodal

28/10/2016 A Xunta de Goberno acordou hoxe remitir á Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Xunta de Galicia a solicitude do procedemento de avaliación ambiental estratéxica do Plan Especial de ordenación de accesos, infraestruturas, servizos ferroviarios e estación intermodal na estación de ferrocarril. Ao mesmo tempo, seralle remitido o Documento ambiental estratéxico e o Borrador do plan.

O alcalde explicou que, unha vez a Xunta dea o seu visto bo, eses documentos serán sometidos a aprobación inicial. En todo caso, Martiño Noriega aclarou que todos os trámites relacionados coa nova infraestrutura poden ir avanzando, se ben o Plan Especial si terá que estar aprobado definitivamente para conceder a licenza.

Segundo indicou Martiño Noriega, o Plan Especial ten dous obxectivos básicos: "mitigar o efecto barreira que supón a estación entre o Ensanche e Pontepedriña, e definir os criterios xerais para a implantación da nova infraestrutura". O alcalde salientou que "coa remisión desta documentación para a súa avaliación ambiental péchanse as tarefas do Concello, que tamén lle ten remitido xa á Xunta a proposta dos accesos para a estación de autobuses". Ao respecto, o rexedor quixo aclarar que a construción dos accesos "é unha competencia municipal, aínda que se queira pactar o deseño co Goberno galego; do mesmo xeito que a construción da estación de autobuses é competencia da Xunta, pero o Concello ten moito que dicir ao respecto".

Nesta liña, Noriega recoñeceu que o Goberno municipal entende que a proposta actual da futura estación de autobuses "non respecta os estándares das actuais instalacións en canto ao tamaño e a funcionalidade, e a capital do país ten que esixir un edificio que sexa novo pero tamén funcional". O alcalde explicou que estes aspectos "serán pechados en próximas reunións entre o Concello e a Xunta, pero hai que agardar aos nomeamentos dos novos responsables políticos do Goberno galego, que é o que se está pedindo, mesmo por escrito, dende outros departamentos da Xunta".

ORA e guindastre
Outro dos asuntos abordados na Xunta de Goberno de hoxe foi a prórroga do contrato con Setex Aparquisa por un prazo de tres meses máis. O alcalde adiantou que a próxima semana asinará a proposta do novo modelo de xestión da ORA e do guindastre, que será levado a pleno ao longo do mes de novembro, ben ao ordinario ou ben a unha sesión extraordinaria. Se a Corporación acorda a municipalización do servizo, "empezará o traballo de campo para facer realidade ese novo modelo". Segundo indicou Martiño Noriega, o pleno tamén terá que decidir se o proceso se fai a través dunha comisión especial ou directamente a través de Tussa.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: