XUNTA DE GOBERNO

Adxudicadas obras dos remanentes por un importe total de case 375.000 euros

28/10/2016 A Xunta de Goberno acordou hoxe a adxudicación de tres dos proxectos que serán financiados con cargo a remanentes, e que suporán un investimento total de case 375.000 euros. Trátase da mellora do pavimento da calzada no viario de servizo da avenida do Cruceiro da Coruña (marxe oeste), por un importe de preto de 150.000 euros; a mellora do pavimento no viario de Reboredo a Lavacolla, por 112.000 euros; e o acondicionamento da Casa da Muller, ao que se destinarán tamén case 112.000 euros. O alcalde, Martiño Noriega, mostrou a súa satisfacción "porque a tramitación dos expedientes relacionados cos remanentes avanza a bo ritmo e prevese que se cumpran os prazos establecidos".

As obras de rexeneración do pavimento da calzada da vía de servizo oeste da avenida do Cruceiro da Coruña serán executadas pola empresa Excavaciones Cernadas Valiña S.L, por un importe de 149.922 euros, IVE incluído, e un prazo de execución de dous meses. O proxecto aféctalle a un tramo de mil metros, nos que será preciso demoler as capas de firme existentes e a reposición con materiais de calidade suficiente para soportar o intenso tráfico pesado que circula pola zona. Para mellorar a accesibilidade, procederase á adaptación dos vaos peonís existentes en todo o recorrido e solucionaranse as irregularidades detectadas nas beirarrúas.Tamén se reforzarán os cruces existentes no viario de servizo.

En canto ao viario de Reboredo (Enfesta) a Lavacolla (Sabugueira), a mellora da pavimentación foille adxudicada á empresa Canarga Cosntrucciones S.L. por un importe de 111.115,99 euros, IVE incluído. Neste caso, as obras aféctanlle a un tramo de case 2.500 metros e terán un prazo de execución de dous meses.

Casa da Muller
A Xunta de Goberno de hoxe adxudicoulle á empresa Arines Obras y Proyectos S.L o acondicionamento da Casa da Muller, que estará localizada na antiga sede de Emuvissa, na rúa Bernardo Barreiro. As obras custarán 111.610,52 euros, IVE incluído, e permitirán que o local adquira a flexibilidade funcional necesaria para o seu novo destino. A Casa da Muller estará dividida en dúas áreas; unha zona de aulas para poder desenvolver actividades e un vestíbulo xeral con catro espazos diferenciados. O prazo de execución dos traballos é de tres meses.

Aprobación de proxectos con cargo a remanentes
Ademais das adxudicacións, a Xunta de Goberno tamén aprobou hoxe dous proxectos que serán financiados con cargo aos remanentes. Así, déuselle luz verde á fase I da reurbanización da rúa Cancelas, no contorno da subestación eléctrica, que lle afecta á rúa Rodríguez de Viguri dende a conexión coa rúa Cancelas ata a conexión coa avenida do Camiño Francés. O contrato terá un prazo de execución de dous meses e un tipo de licitación de 88.626,21 euros, IVE incluído. A actuación contempla a ampliación e creación de beirarrúas, a reforma das instalacións de recollida de pluviais, e a dotación de canalizacións e arquetas para o alumeado público.

Tamén se financiará cos remanentes, cunha partida de 50.000 euros, o proxecto de acondicionamento da fase II da ruta das Brañas de Sar, dándolle continuidade ao traballo feito grazas ao obradoiro de emprego Ecotur Xuvenil I.

Outros acordos
Aínda en materia de obras, a Xunta de Goberno acordou ampliar en cinco meses o prazo das obras da fase II de Vista Alegre, ata o 20 de febreiro de 2017. O alcalde explicou que a execución destes traballos depende da aprobación do modificado do proxecto, e reiterou que as obras da fase III están marchando a moi bo ritmo. En canto á fase I, está practicamente finalizada, salvo na parte que conecta coas outras fases.

A Xunta de Goberno de hoxe tamén acordou modificar a solicitude de financiamento á Xunta, para o funcionamento dos servizos comunitarios. A decisión responde a que o propio Goberno galego ampliou a partida destinada a este fin, de xeito que o Concello pedirá agora unha achega para o financiamento do módulo de persoal dos servizos de 329.757 euros. Así, a cantidade total solicitada á Xunta para cofinanciar o mantemento e o desenvolvemento dos servizos sociais comunitarios ascendería a 1.058.336,80 euros e a achega municipal sería de 869.495,98 euros.

Por último, o Executivo municipal acordou aprobar un convenio coa Cámara de Comercio para a realización de actividades de fomento da cultura emprendedora e mellora empresarial, por 9.000 euros; e deu conta de dúas axudas concedidas pola Deputación da Coruña. Unha delas será para o programa Compostela Móvese 2016, por un importe de 18.000 euros, e a segunda subvención, de 14.490 euros, irá destinada á compra de equipamento para o acondicionamento de espazo para a celebración de feiras de produtos locais no parque de Belvís.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: