ALCALDÍA

Martiño Noriega destaca a vixencia do pensamento de Luís Porteiro Garea

27/10/2016 O alcalde participou hoxe na homenaxe que a Facultade de Dereito lle rendeu a Luís Porteiro Garea, un dos fundadores da Irmandade da Fala de Santiago.

O acto comezou na Biblioteca Concepción Arenal, onde se inaugurou unha exposición sobre o que fora profesor da Universidade de Santiago. Alí, Martiño Noriega loubou a figura de Porteiro Garea, "unha desas persoas que deciden poñer todo o seu valor intelectual o servizo dos máis, aínda que iso supoña esquecer en certo modo unha gran proxección profesional". O alcalde reivindicou a vixencia de moitos dos discursos do intelectual, no que ten que ver coa igualdade entre homes e mulleres, o idioma, o feito diferencial galego ou o problema do caciquismo.

O rexedor sinalou que a homenaxe da USC, "onde comezou a traxectoria de Porteiro Garea", vén pechar o círculo que iniciou o Concello de Santiago para celebrar o centenario das Irmandades da Fala, e en particular da de Santiago, cun amplo programa de actividades nas que colaborou a Deputación da Coruña.

Na inauguración da exposición tamén participaron o decano da Facultade de Dereito, Gumersindo Guinarte; o reitor da USC, Juan Viaño, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González; e o catedrático emérito da USC José Antonio Gómez Segade, así como familiares de Luís Porteiro. Despois da inauguración da mostra, as autoridades trasladáronse á Facultade de Dereito, para descubrir un vítor dedicado ao fundador da Irmandade da Fala de Santiago.

Compartir: