FACENDA

Catro parques infantís e un vehículo desbrozador para o rural, entre as propostas máis votadas dos OP

27/10/2016 A concelleira de Facenda, María Rozas, deu a coñecer hoxe as propostas que resultaron máis votadas no proceso dos Orzamentos Participativos nas áreas de Cidade, Sueste, Nordeste e Rural.

Nesta primeira experiencia levada a cabo no Concello de Santiago de Compostela foron 1.630 as persoas rexistradas con dereito a voto, e un total de 1.350 os votos emitidos para investimentos, xa que o prazo para votar as propostas de actividades para a mocidade está aberto aínda ata o 6 de novembro.

Desglosados, rexistráronse 428 votos para a área de Cidade, 218 foron votos para o Sueste, 142 para o Nordeste e 562 para a área Rural. Hai que ter en conta que unha persoa podía votar en dúas áreas, no caso de pertencer ás dúas.

A concelleira resaltou que a participación superou a media doutras cidades, como Madrid, Sevilla ou A Coruña, nalgúns casos duplicándoa. "Para ser o primeiro ano estamos moi satisfeitos", resaltou. "Un bo inicio malia o momento no que coincidiu", dixo, "con dous procesos electorais polo medio e en pleno verán". Unha experiencia que permitirá "ir mellorando o proceso e o mecanismo de funcionamento" nos exercicios vindeiros.

Parques infantís, aforro enerxético e accesos
As dúas primeiras propostas de Cidade esgotaron os 300.000 euros que había dispoñibles para esta área. Trátase dos "parques infantís cubertos" (catro en total, segundo recollía a descrición da proposta), que teñen un custo de 200.000 euros, e do "plan de aforro para toda a cidade", que pide un cambio nas luminarias e nos horarios de alumeado. Para esta proposta hai dispoñibles 100.000 euros (o seu orzamento inicial contemplaba 300.000 euros).

A proposta máis votada na área Sueste foi a "senda cuberta no campus educativo Lamas de Abade", seguida da "mellora dos accesos peonís cara os centros educativos", tamén en Lamas de Abade. Entre as dúas propostas suman 196.000 euros, o total dispoñible para esta área (60.000 e 136.000 euros).

Na área Nordeste resultaron as propostas máis votadas as presentadas baixo os epígrafes "parque infantil no Outeiro do Sar, detrás de Consumo, e "achaflar beirarrúas en todos os pasos de peóns ou zonas de paso de Fontiñas". Estas propostas suman o orzamento dispoñible para a área, 225.259 euros (145.200 e 80.000 euros, respectivamente).

Desbrozador e mellora da sinalización no rural
Finalmente, as parroquias do rural compostelán escolleron a proposta "vehículo desbrozador con aspiración" como primeira (120.000 euros), "paneis informativos unificados para a área territorial do rural" (72.000 euros), "pavimentación do campo da festa de Marrozos" (66.550 euros) e "sinalización das distintas aldeas que compoñen cada parroquia do rural" (20.107 euros). A suma é de 278.657 euros.

Cabe sinalar que nesta área aplicouse a medida correctora que o Grupo motor decidira no seu momento incluír no apartado 23.4 do Regulamento para evitar a concentración do investimento:

"Os investimentos que atinxen a unha soa parroquia serán seleccionados escollendo un único investimento por parroquia: selecciónase o que obtén máis puntos para esa parroquia. A seguinte proposta de investimento seleccionada será a que obteña máis puntos e se realice nunha parroquia distinta. Así sucesivamente (...)".

A concelleira de Facenda dixo que o Goberno estudaría "dar encaixe" ás propostas que quedaron moi preto das gañadoras, así como a aquelas que non supoñen un custo moi alto e que "se demostrou que teñen apoio veciñal".

Xuntanza coa oposición
María Rozas explicou tamén que o resultado do proceso de orzamentos participativos xa lle foi trasladado aos grupos da oposición nunha xuntanza mantida a primeira hora da mañá. Ademais de dar conta das propostas máis votadas, a concelleira sinalou que "foi a primeira reunión dentro do proceso de negociación dos orzamentos do 2017, que viñan condicionados polo proceso dos participativos e pola reanualización dos fondos da EDUSI".

Resolta a primeira cuestión, María Rozas comunicou tamén que a vindeira semana haberá una xuntanza co Ministerio de Facenda para avanzar cara a EDUSI. Ademais, os grupos da oposición contan cun formulario, remitido a principios de semana, no que se lles solicita una priorización dos investimentos da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado que "nos permita ir traballando".

A concelleira emprazou aos grupos da oposición a una vindeira xuntanza na semana do día 7 de novembro, á volta da reunión en Madrid, para continuar negociando o documento orzamentario do vindeiro ano.

Compartir: