POLÍTICAS SOCIAIS

O alcalde reivindica "a política das persoas" na inauguración da I Xornada sobre senfogarismo

27/10/2016 O alcalde, acompañado pola concelleira Concha Fernández, inaugurou esta mañá a I Xornada sobre as persoas sen fogar en Compostela, organizada pola Concellaría de Políticas Sociais. Martiño Noriega reiterou o seu compromiso de "situar ás persoas no centro da política, o que implica combater de forma prioritaria a exclusión social e a pobreza".

O rexedor incidiu en que "unha das prioridades políticas do seu Goberno é a abordaxe do senfogarismo e a garantía do dereito a unha vivenda digna", porque "vivir na rúa non é tanto unha consecuencia da exclusión social como unha causa, e resulta imprescindible combater a estigmatización que viven as persoas que non teñen un fogar".

Martiño Noriega fixo un repaso polos pasos que ven dando o Goberno local para abordar o problema das persoas sen fogar, como a constitución dunha mesa de traballo na que participan 15 entidades sociais da cidade e a posta en marcha dun Programa Municipal de Atención a persoas sen teito que permitiu activar un equipo de rúa, un programa de pensións e as denominadas "vivendas de saída", seguindo o modelo housing first.

Precisamente, a primeira das conferencias na I Xornada sobre as persoas sen fogar de Compostela correu a cargo de José Manuel Caballol, que falou do modelo housing first. Caballol ten desenvolvido a súa vida profesional na Fundación Rais, onde empezou traballando como técnico de rúa e da que asumiu a dirección no ano 2008.

Despois da súa intervención, celebrouse unha mesa redonda baixo o título "Quen durme nas nosas rúas?", na que participaron representantes de Cruz Vermella Santiago, FEAFES Galicia, Cáritas Diocesana de Santiago, o Albergue de Xoán XXIII e a Cociña Económica. Nesta I Xornada, as ducias de asistentes tamén puideron coñecer as experiencias doutras entidades como Boa Vida Inclusión Activa, de Pontevedra, Arrels Fundació, o Foro Educativo Os Ninguéns, ou Médicos do Mundo.

ATENCIÓN: Enviarase nota de prensa coas conclusións da Xornada ao redor das 18:00 horas.

Compartir: