TURISMO

O éxito do Womex consolida a aposta por Compostela como cidade de eventos internacionais

26/10/2016 O paso do Womex’16 por Galicia deixou de novo magníficas cifras que non fan máis que confirmar a aposta por converter Compostela nunha cidade acolledora de eventos culturais internacionais. Os datos oficiais desta edición confirman o éxito: 2.400 profesionais de 95 países representando a 1410 empresas.

Isto inclúe 1030 promotores de eventos; 620 discográficas, editoras e distribuidoras; 620 institucións; 827 axentes de booking, 730 managers e 357 produtores. E 297 xornalistas nacionais e internacionais, con presenza de medios internacionais -como a BBC- emitindo en directo dende o Radio Studio instalado no Gaiás pola Radio Galega, en colaboración coa EBU (European Broadcasting Union).

A isto hai que engadirlle unha feira que vendeu todos os seus stands (291) con varios meses de antelación, onde se instalaron 717 compañías de 51 países. E a cidade acolleu 60 concertos con 289 músicos de 43 países en sete escenarios, ademais da quinta edición do Womex DJ Summit, que se celebrou na sala Capitol. Dentro do Gaiás interviñeron tamén 83 relatores e mentores de 32 países en 25 conferencias; 19 xuntanzas xuntanzas de networking e 8 mentorings dirixidos por expertos internacionais. E todo isto completado coa exhibición de 11 filmes.

Programación aberta ao público
Alén de todo o disposto para profesionais, o público compostelán e galego tamén puido ser parte deste Womex’16, cunha ampla programación musical aberta: 45 concertos en catro auditorios e cinco DJ sessions na Capitol.

Por primeira vez na historia do Womex, fíxose un ambicioso ciclo musical titulado Womex Film Nights, que tivo lugar no Museo das Peregrinacións, e que tivo un destacado éxito de público, ademais da presenza de varios dos directores e directoras dos filmes. Dous deles foron estreas mundiais e outras seis na Península nesta primeira edición aberta ao público.

Colaboración institucional
Na rolda de prensa na que se fixo balance desta 22ª edición do Womex participaron, ademais de Vítor Belho, socio de Nordesía Produccións e organizador local, Marta Lois, concelleira de Turismo de Santiago; Jacobo Sutil, director de Aadic; e Goretti Sanmartín, vicepresidenta da Deputación da Coruña; todas elas institucións que -xunto coa empresa Mahou- financiaron este Womex’16.

A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois amosouse "moi satisfeita co éxito desta edición, que vén a mellorar moitos dos xa espectaculares datos que houbo en 2014". Iso si, Lois non quixo quedarse só no "cuantitativo" e destacou "a calidade de todos os concertos, tanto os artistas galegos que nos representaron no Womex como os case 300 músicos e músicas que encheron a nosa cidade do mellor da cultura de cada país. Iso vén a posicionar Santiago", engadiu, "como unha cidade perfecta para o turismo de eventos e congresos que nos permitan avanzar de cara a desestacionalización". Así mesmo, a concelleira fixo fincapé na colaboración entre as tres institucións implicadas e a iniciativa privada, "que deu como resultado o que puidemos ver entre o 19 e o 23 de outubro, coa cidade chea de música e de xente".

A vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, quixo destacar a "altísima calidade das tres propostas galegas que formaron parte do programa de Womex. Os concertos de Radio Cos, na sección oficial, e de Xabier Díaz e Adufeiras do Salitre e Narf xunto con Tumbila Muzimba foron espectaculares e supuxeron a mellor carta de presentación para a nosa cultura e, en especial, na nosa música". Goretti Sanmartín lembrou o apoio decidido dende a Deputación da Coruña a Womex e desexou agora "que este entusiasmo se vexa reflectido nunha maior proxección dunha música galega que precisa novos espazos e plataformas de proxección".

O director da Agadic celebrou os bos resultados de Womex 2016, ao que cualificou de "éxito rotundo", e destacou o récord de ocupación feiral obtido na Cidade da Cultura de Galicia, o maior entre todas as 22 edicións do encontro. Mais por riba dos datos numéricos, Jacobo Sutil detívose especialmente no beneficio cualitativo que para a difusión da nosa música supuxo e suporá tanto Womex como o evento previo asociado Focus GalicianTunes, así como a actividade rexistrada polas 23 empresas e asociacións musicais galegas que converteron o stand de GalicianTunes en epicentro do negocio musical galego en Womex a través de máis de 400 reunións de traballo con axentes e distribuidores de catro continentes. "Penso que conseguimos galeguizar ao máximo un evento tan global como este pasado Womex", engadiu.

Participación galega
Outro dos obxectivos cumpridos deste Womex foi a internacionalización da nosa cultura, con varias empresas implicadas, dado o protagonismo da música galega, con tres artistas galegos (Radio Cos, Narf e Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre) nos concertos abertos ao público; ademais de Cuarteto Caramuxo e Talabarte na cerimonia de apertura, ademais de moitos outros que participaron na programación previa do Focus Galician Tunes.

Impacto económico e de imaxe
O 90% do orzamento foi investido en empresas locais (alugueiro, soldos, escenarios, catering, etc), con máis de 250 postos de traballo directos creados e 150 indirectos. Nas últimas edicións, a media do impacto positivo no PIB do territorio no que se celebrou foi de 2,5 millóns de euros, con efectos directos e indirectos no emprego en varios sectores, tanto antes, como durante e despois do evento.

Así mesmo, hai que salientar o impacto de imaxe na cidade, con 2.400 delegados e case 300 músicos provenientes de 90 países, ademais de xornalistas internacionais e emisoras de radio que emitiron programas para emisoras de toda Europa.

Compartir: