ALCALDÍA E POLÍTICAS SOCIAIS

O Concello de Santiago sumouse á celebración do Día do Dano Cerebral

26/10/2016 A praza do Obradoiro acolleu a lectura do manifesto con motivo do Día do Dano Cerebral, coa asistencia do alcalde de Santiago, Martiño Noriega, acompañado pola concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández, e por outros membros da Corporación. Organizou o acto a Federación Galega de Dano Cerebral, FEGADACE, en nome da cal leu a devandita declaración José Balboa, presidente de Sarela (Asociación de Dano Cerebral de Compostela).

Tres son as reivindicacións básicas escollidas polo movemento asociativo do dano cerebral adquirido (DCA) e lidas esta mañá. A primeira é a demanda dun criterio diagnóstico de Dano Cerebral Adquirido na alta hospitalaria, que sirva para identificar claramente tanto os casos como os recursos rehabilitadores e sociais necesarios para cada persoa con dano cerebral. A segunda é que, dende as administacións, se analicen as necesidades da poboación con DCA para que se doten de todos os recursos necesarios. A terceira reclamación é que se poñan en marcha os recursos e servizos especializados necesarios para evitar a exclusión e o illamento das familias nas que se presentan casos de DCA.

Todas estas demandas resúmense nunha soa, á que o seu cumprimento contribúe, que é a necesidade de promover, desenvolver e garantir a "inclusión social" das persoas con dano cerebral.

FEGADACE organizou, para conmemorar o Día do Dano Cerebral, unha lectura simultálea do manifesto nas sete cidades, en colaboración coas súas cinco asociacións federadas. Ademais de en Santiago, as demandas das persoas con DCA puidéronse oír nos Xardíns de Méndez Núñez (A Coruña), no Hospital Arquitecto Marcide (Ferrol), diante da Casa do Concello de Lugo, na Rúa do Paseo (Ourense), no Hospital Provincial de Pontevedra e na sede de Alento (Vigo).

29 de outubro, Día do Ictus
A conmemoración do Día do Dano Cerebral chega acompañada, tres días máis tarde, pola do Día do Ictus (29 de outubro). FEGADACE organiza un coloquio que vai ter lugar no auditorio de Afundación da rúa do Vilar. Contará con Susana Arias, neuróloga do CHUS; Fernando Galdo, familiar e coidador da súa nai, que tivo un ictus; e Juan Luis Delgado, membro da directiva de ADACECO (Asociación de Dano Cerebral da Coruña) que tivo un ictus e falará do mesmo en primeira persoa. Ademais, José Manuel Fandiño, coordinador de Urxencias do CHUAC, falará do Código Ictus e presentará o Plan Ictus do Sergas.

Ademais, o venres 28, FEGADACE pasará a mañá nunha mesa informativa no CHUS (Santiago), xunto con membros de Sarela e da Sociedade Galega de Neuroloxía (SGN).

O ictus é a principal causa do dano cerebral, no 78% dos casos. De aí o interese por vincular o Día do Dano Cerebral coa xornada dedicada ao seu principal causante.

Documentos relacionados



Compartir: