CONSORCIO

O Consorcio destina 22.000 euros á restauración dos fondos da biblioteca histórica do Xelmírez I

26/10/2016 O Consorcio de Santiago colabora co IES Arcebispo Xelmírez I na restauración dos fondos bibliográficos da biblioteca antiga do centro, dun importante valor histórico. O organismo interadministrativo aporta a esta actuación 22.000 euros. Esta mañá, o alcalde de Santiago e presidente do Consorcio, Martiño Noriega; o director do instituto, Manuel Portas; a conservadora e restauradora de obras de arte experta en documento gráfico Barca Cereijo; e a xerente do Consorcio, Belén Hernández, presentaron os avances do proxecto; xunto a outros profesores do centro que están a colaborar nesta iniciativa.

A restauradora Barca Cereijo explica que o IES Xelmírez I posúe un notable patrimonio bibliográfico, unha parte del herdado do antigo Instituto de Segundo Ensino de Santiago, creado en 1845, época na que o centro compartía aulas, profesorado, biblioteca e laboratorios coa Universidade. Recolle os fondos bibliográficos acumulados durante toda a súa historia, procedentes do período vencellado á universidade, de doazóns de antigos profesores, adquisicións propias… "É posiblemente unha das máis importantes e mellores bibliotecas que se poden atopar nun instituto galego", asegurou a restauradora. Pola súa parte, o director do centro manifestou a importancia de "brindar á sociedade exemplares que conformaron parte do coñecemento científico deste país en séculos pasados".

Tratamento xeral das instalacións
O centro solicitara unha proposta de tratamento para a restauración dunha enciclopedia francesa. Ao comprobar as condicións nas que se atopaban as instalacións e o perigo que podía supoñer para as obras existentes, a restauradora recomendou un tratamento xeral das instalacións, eliminando algúns problemas e reducindo as posibles ameazas que poderían afectar ás obras alí depositadas.

"As obras débense manter nunhas determinadas condicións. O tempo favorece a proliferación de problemas, pois tanto os factores ambientais como a propia natureza das obras -que se degradan química e bioloxicamente- prexudican a súa integridade", sinalou a restauradora. Así, realizáronse tarefas de mellora das instalacións e de conservación das obras. Instalouse un sistema de ventilación asistida que permite controlar a humidade relativa, co fin de evitar a proliferación do mofo, e renováronse as fiestras. Tamén se fixeron melloras nas librarías e nos estantes.

Debido ao elevado valor dalgunhas pezas, adquiriuse mobiliario de seguridade para custodialas, financiado polo Consorcio de Santiago. O organismo tamén financiou as tarefas de conservación e restauración. A restauradora traballou durante oito meses no tratamento das pezas existentes, incluíndo unha toma inicial de fotografías, baleirado e limpeza de estantes, limpeza individualizada das obras con aspirador profesional e produtos específicos e unha toma final de fotografías. Durante a limpeza das obras detectouse a presenza de insectos bibliófagos, mofo e outras deterioracións nos libros causadas polas condicións ambientais e pola manipulación ao longo do tempo.

Nunha segunda fase, que se desenvolverá o vindeiro ano, as principais actuacións previstas na biblioteca son a restauración de L´Encyclopédie ou Dictionnaire Raisonné des Sciences, des Arts et des Métiers e o tratamento dunha serie de láminas e mapas. E o seguinte paso será "facer unha exposición para que os cidadáns poidan desfrutar destas xoias", tal como indicou a xerente do Consorcio. Pola súa parte, o alcalde fixo referencia a "un patrimonio bibliográfico de gran valor que estaba oculto" e mostrou "toda a disposición" do Consorcio para "seguir a traballar na recuperación da biblioteca".

Obras de moi difícil localización na actualidade
Entre os fondos bibliográficos da biblioteca histórica do Instituto Xelmírez I destaca unha primeira edición completa de L´Encyclopédie ou Dictionnaire Raisonné des Sciences, des Arts et des Métiers, que consta de dezasete volumes de texto e once con láminas, unha edición comezada en 1751 e finalizada en 1772. O libro máis antigo, escrito en latín, é a Geographia de Strabón, publicada en 1523 en Basilea. Tamén conta co Diccionario Octolingüe de Ambrosii Calepini, editado en Lyon no ano 1681; dous volumes encadernados en pergamiño e escritos en latín, hebreo, grego, francés, italiano, alemán, español e inglés.

Entre os atlas cómpre sinalar os de Dufour, Tomás López e o Atlas do Mundo Clásico de Spruner-Menke. Así mesmo, ten unha edición de 1872 da Divina Comedia de Dante ilustrada por Gustavo Doré; xunto con numerosos volumes de autores clásicos como Cicerón, Horacio, Ovidio, Quintiliano, Tácito, Perico ou Livio, en edicións dos séculos XVI, XVII e XVIII. A biblioteca posúe ademais a Opera Omnia Senecae, unha edición latina de 1605. E atesoura o Cursus Mathematici de Pietro Herigono (París, 1644), composta de seis volumes bilingües latín-francés e considerada como a auténtica enciclopedia que recompila o esencial dos coñecementos científicos da época.

Por outro lado, custodia a Historia da Igrexa de Santiago do Cóengo López Ferreiro, 11 tomos publicados entre 1898 e 1907; e a Biblioteca de Autores Españois, de 71 tomos e publicada entre 1864 a 1880. E conserva un Don Quijote de 1780 editado pola Real Academia Española e varias edicións do Diccionario de la Lengua Española, tamén da Real Academia. Á marxe destas xoias bibliográficas, ten primeiras edicións de libros de literatura e historia de Galicia de moi difícil localización na actualidade.

Compartir: