POLÍTICAS SOCIAIS

Avanza a atención en desafiuzamentos mediante convenios cos colexios de Avogados e Psicólogos

25/10/2016 A concelleira de Políticas Sociais, Diversidade e Saúde, Concha Fernández, asinou hoxe dous novos convenios con entidades, nesta ocasión co Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia e co Colexio de Avogados de Santiago. Na sinatura estiveron presentes os seus decanos, María Rosa Álvarez e Evaristo Nogueira.

Concha Fernández destacou que "os convenios ascenden a 36.000 euros, 18.000 para cada unha das entidades. No caso do Colexio de Avogados, desenvolverase un programa piloto de asesoramento xurídico para casos de desafiuzamento, que ten como finalidade facilitar o asesoramento xurídico para a vía administrativa previa, de xeito que ningún sector da poboación, por carecer dos coñecementos xurídicos necesarios se vexa menoscabado no seu dereito a defensa". O decano do Colexio destacou que "se trata dun convenio pioneiro en Galicia que se sirve dos modelos de mediación existentes noutras partes do Estado como Cataluña e que están a resultar moi exitosos".

Para cada asunto é designado un profesional da quenda de letrados e letradas especializados en dereito administrativo e laboral. O trámite para a solicitude da persoa letrada é a cargo do persoal administrativo do Colexio. Esta quenda especializada concrétase na asistencia e orientación ás persoas que acrediten insuficiencia de recursos económicos que residan no municipio de Santiago e sexan derivados dende a Concellaría de Políticas Sociais.

O convenio co Colexio de Psicoloxía de Galicia está orientado ao desenvolvemento dun programa piloto de intervención psicolóxica en casos de desafiuzamento e en situacións de perda ou risco de perda da vivenda habitual.

O programa pretende dar resposta ás medidas de intervención psicolóxica encadradas no Protocolo municipal de actuación para a prevención de desafiuzamentos e a atención das persoas afectadas asinado polo Concello de Santiago de Compostela. Nesa liña quérese xerar un recurso de atención psicolóxica dirixida a aquelas persoas que sofren os efectos da crise económica con maior dureza.

"O obxectivo pasa por evitar e paliar as consecuencias psicolóxicas máis graves que se poden dar nestes procesos de desafiuzamentos, xa que en moitos casos son consecuencias non visibles que implican rupturas nos proxectos persoais e familiares, desequilibro emocional, condutas desadaptativas, ou deterioro das relacións persoais ante a extrema vulnerabilidade a que se leva ás persoas nestes casos", tal e como explicou a decana do Colexio de Psicoloxía.

Protocolo de prevención
A Mesa de Traballo para a elaboración dun protocolo conxunto de atención a persoas afectadas polos desafiuzamentos continúa a reunirse para crear un modelo de atención específico. Nela participan os colexios profesionais de Traballo Social, Avogacía e Psicoloxía; os concelleiros de Políticas Sociais dos concellos de Ames, Teo e Santiago; o colectivo Stop Desafiuzamentos e a Asociación de persoas afectadas polos desafiuzamentos.

Compartir: