CONSORCIO

Quince locais comerciais da cidade histórica solicitaron as axudas do Consorcio para a súa mellora

24/10/2016 O Consorcio de Santiago puxo en marcha o Programa Localízate, dotado con 100.000 euros en axudas para mellorar a accesibilidade, a eficiencia enerxética, a imaxe exterior e o acondicionamento interior dos locais comerciais situados no ámbito do Plan Especial de Rehabilitación da Cidade Histórica de Santiago de Compostela. O pasado luns remataba o prazo de presentación de solicitudes e pediron as axudas 15 locais, un boa parte dos cales aspiran á máxima cantidade subvencionable.

Unha vez avaliadas as solicitudes, darase preferencia á mellora da accesibilidade do local Tamén se primará a redución do consumo enerxético (o que afecta ás instalacións de iluminación, electricidade e acondicionamento de aire) e a mellora da súa imaxe exterior, así como a apertura de novos locais actualmente sen uso. Respecto á actividade da empresa, valorarase a súa repercusión no desenvolvemento do tecido económico local. O orzamento mínimo subvencionable será de 3.000 euros e o máximo de 30.000 €. A contía da axuda acadará o 40 % do orzamento aceptado.

20 anos traballando na rehabilitación dos locais comerciais
O Consorcio ten previsto celebrar novas convocatorias deste programa e anima os propietarios e arrendatarios a que se presenten. O organismo impulsou o seu primeiro Programa de Rehabilitación de Locais Comerciais da Cidade Histórica de Santiago hai agora vinte anos. Neste ámbito da cidade hai na actualidade preto de 2.300 locais comerciais, dos cales uns 700 están sen actividade. Así, unha das prioridades deste novo programa é, xunto á mellora da accesibilidade, a posta en uso deses locais.

Ao longo destes vinte anos, o Consorcio de Santiago estudou preto de 600 locais comerciais. Destes, case a terceira parte levaron a cabo algún tipo de reforma vencellada á mellora da imaxe exterior ou no espazo interior, mellora das instalacións, da seguridade ou do illamento acústico.

Compartir: