CONSORCIO

A Real Filharmonía celebra esta semana tres concertos en Vigo, Santiago e Lugo

24/10/2016 A Real Filharmonía de Galicia celebra esta semana tres concertos. O primeiro será o mércores 26 no Teatro Afundación de Vigo, ás 20:30 horas. O xoves a orquestra actuará na súa sede, o compostelán Auditorio de Galicia, tamén ás 20:30 horas. E o venres, a agrupación desprazarase a Lugo, onde ofrecerá unha actuación no Círculo das Artes da cidade, ás 20:00 horas.

A batuta destes tres concertos levaraa o mestre alemán Christoph König, que foi principal director convidado da RFG dende 2013 ata a pasada tempada. Naceu na cidade de Dresde, onde estudou dirección orquestral, piano e canto; e cantou no seu afamado coro de nenos.

Comezou a súa carreira profesional como primeiro mestre de capela na Ópera de Bonn. É moi admirado pola súa claridade, sensibilidade e elegancia interpretativa. Recibiu o premio da Fundación Herbert von Karajan (Berlín). Na actualidade é o director titular e artístico da Orquestra de Solistas Europeos de Luxemburgo e entre 2009 e 2014 foi director principal da Orquestra Sinfónica do Porto Casa da Música. Está moi solicitado como mestre invitado en toda Europa e América, en particular en Estados Unidos. Tamén se puxo á fronte de orquestras en Australia, Nova Zelandia e Malaisia.

Obras de Mozart, Roussel, Schreker e Fauré
Os concertos de Vigo e Santiago comezarán coa Sinfonía nº 31 do xenial Mozart (1756-1791), coñecida como "París" e unha das máis populares do compositor. Escribiuna mentres buscaba emprego infrutuosamente durante a súa estancia na cidade francesa, cando tan só contaba 22 anos.

A continuación, o público terá a oportunidade de escoitar Le festin de l´araignée (O festín da araña), de Albert Roussel (1869-1937), unha peza fundamental da literatura orquestral francesa do século XX, centrada na vida dos insectos nun xardín, insectos que representan as debilidades da conduta humana. Ambos concertos concluirán coa Sinfonía de cámara do compositor austríaco Franz Schreker (1878-1934).

En Lugo, en lugar da obra de Roussel, os asistentes poderán gozar coa Suite Masques et Bergamasques, que o compositor francés Gabriel Fauré (1845-1924) escribiu nos seus últimos anos de vida por encargo do príncipe Alberto I de Mónaco.

Compartir: