FACENDA E MOCIDADE

Iníciase a votación das propostas de actividades para a mocidade nos OP

21/10/2016 Desde hoxe e ata o vindeiro 6 de novembro está aberto o prazo para votar os Orzamentos Participativos de Mocidade. Como no caso das propostas de investimentos, para que o voto sexa válido hai que priorizar 10 ideas de actividades. En total, o orzamento suma 100.000 euros.

Os Orzamentos participativos de Mocidade teñen unha particularidade: só as persoas que teñan entre 16 e 35 anos poden escoller propostas (unha decisión do grupo motor que recolle o Regulamento dos OP), tanto se están censadas en Santiago de Compostela como se estudan aquí durante este curso. Neste caso, a persoa estudante terá que achegar o resgardo da súa matrícula a través do correo decide@santiagodecompostela.gal. O vindeiro 26 de outubro celebrarase unha asemblea de decisión de Mocidade no Centro sociocultural e Xuvenil do Ensanche a partir das 20:15 horas, que servirá para poñer en común as propostas, defendelas e votar. Foron aceptadas para esta área un total de 49 propostas.

Como ocorreu coas ideas de investimentos, as propostas foron ponderadas por unha Mesa de propostas, conformada polos mozos e mozas que quixeron formar parte dela, segundo os criterios establecidos no Regulamento (poñer en valor a solidariedade, a inclusión e contribuír a un concello socialmente equilibrado e sostible). Os valores de ponderación dunha proposta incrementarán a cifra de puntos asignados na votación, aplicándolle un incremento porcentual sobre os puntos recibidos

Doutra banda, o prazo para votar as propostas de investimentos das áreas de Cidade, Nordeste e Sueste segue aberto ata este martes, 25 de outubro.

Compartir: