XUNTA DE GOBERNO

En marcha os trámites para adxudicar a reparación do contorno de Santa Susana

21/10/2016 A Xunta de Goberno acordou hoxe iniciar o procedemento de adxudicación das obras de repavimentación do contorno do parque de Santa Susana, no que se van investir 140.187,24 euros, IVE incluído. O secretario da Xunta de Goberno, Xan Duro, explicou que a actuación se financiará con cargo aos remanentes, de xeito que deberá estar concluída antes de que remate o ano. O prazo de execución é de 45 días.

A actuación responde ao mal estado de conservación no que se atopa o firme na subida á igrexa de Santa Susana e en varias zonas do seu contorno, como o Paseo dos Leóns, o Paseo da Ferradura ou o Paseo da Alameda. No ano 2007, esta zona fora pavimentada, pero deteriorouse notablemente por mor do uso. A actuación impulsada hoxe permitirá recuperar o pavimento, retirando e limpando as capas de area estabilizadas para colocarlle unha nova.

Castelo da Rocha Forte
Outra das actuacións que recibiu hoxe un impulso foi o control arqueolóxico, limpeza, roza de vexetación e consolidación no Castelo da Rocha Forte. A Xunta de Goberno acordou a apertura do procedemento de adxudicación, cun tipo de licitación de 18.468,18 euros, IVE incluído.

O contrato prevé a realización de dúas rozas anuais no contorno do Castelo, porque se ten comprobado que unha soa campaña resulta insuficiente para manter a zona en bo estado. Os traballos realizaranse de xeito manual para evitar danos nos restos, e contarán con control e seguimento arqueolóxico.

Outros acordos
A Xuntade Goberno de hoxe tamén acordou ampliar o prazo de presentación da xustificación das bolsas para a adquisición de material escolar. Na convocatoria publicada no BOP o seis de xuño establecíase como data límite para presentar esa xustificación o 31 de outubro, e agora decidiuse ampliar ese prazo ata o 30 de novembro, por mor da grande cantidade de solicitudes presentadas no Departamento de Políticas Sociais.

Por último, na reunión de hoxe aprobouse a concesión das subvencións destinadas ao fomento do deporte federado. Destas axudas beneficiaranse 56 entidades, que recibirán unha contía total de 229.999,70 euros.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: