FACENDA

A edil de Facenda informa da regularización catastral posta en marcha pola Dirección Xeral do Catastro

20/10/2016 A concelleira de Economía e Facenda, María Rozas, indicou hoxe que a Dirección Xeral do Catastro, dependente do Ministerio de Economía e Facenda, está a levar a cabo un procedemento de regularización catastral que se prolongará ata mediados de 2017 no noso Concello.

Rozas asegurou que se trata dun "procedemento de carácter temporal e puntual que se está facendo dende o 2013 ata o 2017 en todos os concellos de España, agás Euskadi e Navarra, e no que foi incorporado a finais de decembro do 2015 o noso concello, tal e como avanzamos cando tivemos coñecemento". A concelleira insistiu en que se trata "dunha competencia da Dirección Xeral de Catastro e, polo tanto, allea ao Concello de Santiago. En todo caso" engadiu María Rozas, "nós como Goberno local debemos informar aos veciños e veciñas deste proceso que está levando a cabo Catastro para que teñan coñecemento e poidan facelo de xeito voluntario".

O tipo de alteracións non declaradas que se inclúen neste proceso de regularizacións son: as novas construcións, as ampliacións e as rehabilitacións e as reformas de relevancia. Estas últimas concentrarán o maior volume de expedientes en Santiago, xa que non é unha práctica habitual a declaración catastral destas actuacións urbanísticas. Os veciños e veciñas que realicen de forma voluntaria esta regularización non terán que aboar a taxa que adoita cobrar Catastro neste tipo de procedementos.

María Rozas tamén insistiu en que este procedemento non supón nin suporá ningún tipo de sanción para os e as contribuíntes, "porque así o decidiu a Dirección Xeral de Catastro ao comezo do procedemento de regularización". De momento, o que se leva feito é o traballo de campo de medición e toma de fotografías, nas que os e as técnicas de Catastro comproban que os bens inmobles están regularizados e que as modificacións foron notificadas á Dirección Xeral.

As notificacións de Catastro serán enviadas ás persoas interesadas a mediados de 2017. Por iso Rozas insistiu en que os e as contribuíntes fagan a regularización de forma voluntaria antes de ser notificados por Catastro. No caso de Santiago, "non saberemos ata finais de ano o número de inmobles afectados por esta regularización puntual", explicou María Rozas, pero "o maior número de expedientes parecen estar relacionados con actuacións moi pequenas de rehabilitación de fachadas ou reformas de pouco calado que incrementan moi pouco o valor catastral dos inmobles".

Compartir: