ACCIÓN CULTURAL

Chegan as VIII Xornadas Micolóxicas ao Centro Sociocultural de Conxo

20/10/2016 O Centro Sociocultural de Conxo acolle o venres 21 e o sábado 22 de outubro as VIII Xornadas Micolóxicas, unha actividade xa consolidade que pretende achegar a cidadanía ao mundo dos cogomelos e axudarlle a coñecer e identificar as diferentes especies.

A concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, presentou hoxe estas xornadas, acompañada polo historiador e micólogo José María Costa Lago, membro da Asociación Pan de Raposo, que colabora na organización da actividade. O micólogo salientou que Compostela "ten o privilexio de ser unha cidade con moitas zonas verdes nas que proliferan os fungos, dende o Campus Sur ata o parque Eugenio Granell ou o Pedroso".

Costa Lago incidiu en que estas xornadas pretenden "axudar a identificar as especies tóxicas, que é preciso coñecer antes que as comestibles; e explicar como se apañan os fungos para non prexudicar o monte nin o hábitat no que se reproducen". Nas charlas tamén se explicarán as normas para transportar os cogomelos, cal é a mellor maneira de transportalos, e algunhas claves para a súa elaboración culinaria.

Conferencia de Martín Souto
Nesta oitava edición, as xornadas contarán coa participación de Martín Souto, biólogo e botánico da Universidade de Santiago, que impartirá a charla "Introdución á micoloxía". Será mañá venres, ás 20:30 horas, e con entrada libre. Na conferencia, Martín Souto achegaranos á estrutura, características, formas de alimentación e hábitats onde aparecen os cogomelos. Tamén explicará as normas básicas para o seu consumo, e fará un relatorio polas especies que hai que coñecer e as variedades que non se deben recoller porque son tóxicas e mesmo mortais.

Nese sentido, José María Costa Lago incidiu na rolda de prensa na necesidade "de termos un coñecemento previo sobre os cogomelos antes de saír ao monte, para evitar riscos". Para iso, é preciso familiarizarse con eles a través de guías ou libros como o do francés Marcel Bon, ou como o traballo que ten realizado a asociación Pan de Raposo sobre as especies de cogomelos que se poden atopar en Galicia.

Roteiro e exposición
As VIII Xornadas Micolóxicas continuarán no sábado 22 co Roteiro Micolóxico ao Pedroso, que partirá ás 9:30 horas. Para sumarse a esta actividade é preciso realizar unha inscrición previa, e o máximo de participantes será de 25. Durante o roteiro, está prevista a recollida dalgúns exemplares que formarán parte da exposición que se poderá visitar a partir das 17:00 horas no Centro Sociocultural de Conxo.

As Xornadas finalizarán cunha charla de José María Costa Lago sobre "As utilidades dos Poliporos", na que falará da disciplina da etnomicoloxía, que estuda as relación entre o pobo e os fungos. O micólogo explicará como Galicia "foi evolucionando no campo da micoloxía malia a non ter practicamente tradición de recollida de cogomelos, como pasou de ser micófobo a micófago".

Compartir: