POLÍTICAS SOCIAIS

O Concello asina novos convenios sociais e avanza no Plan de Atención a Persoas sen Fogar

19/10/2016 A concelleira de Políticas Sociais, Diversidade e Saúde, Concha Fernández, asinou dous novos convenios de colaboración con entidades sociais que ascenden a 135.000 euros. En total lévanse asinado acordos por un importe próximo ao medio millón de euros. Na sinatura estiveron presentes María de las Mercedes Casanova e José Ramón Girón, como representantes de Cruz Vermella e FEAFES, respectivamente.

No caso de Cruz Vermella, o convenio ascende a 75.000 euros para o desenvolvemento de varios proxectos. Concha Fernández fixo especial fincapé no Proxecto de equipo de intervención con colectivos en situación de exclusión severa. A concelleira destacou que con esta iniciativa "priorízase a atención daquelas persoas cun perfil de exclusión social severa, persoas que non acceden os recursos por descoñecemento ou polas súas propias reticencias, con deterioro físico e psíquico e cun longo tempo de estancia na rúa, e para iso póñense en marcha en todos os equipos unidades de rúa co fin de realizar saídas periódicas para a identificación e achegamento a estas persoas. Á atención de rúa hai que engadirlle outras dúas liñas de actuación prioritarias nesta etapa: a atención individualizada e o traballo en rede".

Ademais, tamén se procedeu á sinatura dun convenio con Feafes por importe de 60.000 euros. Neste caso "compleméntase o programa sobre persoas sen fogar incluído no convenio con Cruz Vermella". A entidade desenvolverá a actividade atención a persoas con enfermidade mental crónica e persoas sen fogar ou en grave risco de exclusión social. Trátase de dar resposta a situación de carencias de necesidades básicas, entre elas a vivenda, pola que atravesan as persoas con enfermidade mental en grave risco de exclusión, as súas familias e as persoas con enfermidade mental en xeral en Santiago de Compostela.

O obxectivo é atender as súas necesidades específicas individuais dando resposta as mesmas, facilitando a atención e os recursos necesarios. A intervención fundaméntase principalmente na intervención directa e na coordinación cos e derivación aos recursos da comunidade para o tratamento destas patoloxías e a atención das súas necesidades. O fin da proposta é contribuír a mellorar a atención social e sanitaria destas persoas e súa calidade de vida.

Outras actividades
Ademais do proxecto de atención ás persoas en grave risco de exclusión social, o convenio con Cruz Vermella inclúe catro actividades máis. Así, "Rede Social para persoas maiores: Enrédate" quere servir de conexión entre as persoas maiores do noso concello no seu entorno social e comunitario. Coa "Axuda a domicilio complementaria" búscase mellorar a calidade de vida das persoas en situación de maior vulnerabilidade e dependencia. "Atención a persoas con función cognitivas deterioradas" quere previr o deterioro cognitivo das persoas maiores por medio de talleres de memoria de periodicidade semanal. Preténdese mellorar e manter as funcións cognitivas (memoria, atención, linguaxe, cálculo, orientación, razoamento) da persoa maior de 65 anos para continuar facendo as actividades da súa vida cotiá.

O convenio inclúe tamén un servizo de teleasistencia domiciliaria, que por medio da liña telefónica e cun equipamento de comunicacións e informática específico, permite aos/ás usuarios/as pedir axuda diante dunha situación de emerxencia. Soamente con premer un botón do colgante ou do terminal, estas persoas poden comunicarse por medio dun teléfono "mans libres" cun centro atendido por persoal especificamente preparado para dar una resposta adecuada ao seu problema, as 24 horas do día, os 365 días do ano.

I Xornada sobre sefogarismo
A concelleira lembrou que o Concello continúa a traballar para mellorar a calidade de vida das persoas en exclusión social e das persoas sen fogar. Por iso "organizamos a primeira xornada sobre senfogarismo o próximo 27 de novembro", na que participarán persoas expertas e entidades, non só de Compostela e da súa contorna, senón do resto do país.

Compartir: