CULTURA

Varios artistas composteláns seguen a participar en Cuba no evento "Os Camiños de Santiago"

13/11/2006 A Sala Dolores, cuarta sala con mellor acústica do mundo, foi o lugar elixido polos músicos de Narf para presentar o seu traballo en Cuba. Os sons da guitarra de Marcos Teira, a voz e a guitarra de Fran Pérez e a percusión de Pepe Sendón soaron mellor que nunca nunca nunha sala chea de santiagueros que gozaron da música galega. Este concerto enmárcase dentro do evento "Os Camiños de Santiago" que a Concellaría de Cultura está a celebrar na cidade de Santiago de Cuba e que vai xa pola súa terceira edición.

Ademais de facer gozar aos alí presentes coa súa música, Narf tocou un tema sorpresa cun trío santiaguero de novos músicos ao que coñeceu durante o encontro. O resultado fixo frutífero este intercambio cultural, unindo o mellor da música dos dous Santiago e emocionou ao público, que ovacionou en pé durante uns minutos aos seis músicos. En vindeiros días, Narf levará a súa arte á outra punta da illa, e dará un concerto en La Habana.

No encontro, ademais da música de Narf, están en Santiago de Cuba as danzas de Branca Novoneyra e Pati Branco, unha selección de audiovisuais feita por Kike Otero e o Novo circo do Colectivo Pistacatro. Ademais, Mofa e Befa presentaron o seu "Sempre ao lonxe", colleitando un grande éxito e enchendo o teatro Cabildo durante dúas noites.

Compartir: