POLÍTICAS SOCIAIS

"Retratos sobre fondo negro" achéganos a experiencia de superación de Pilo Gallizo

11/10/2016 A Concellaría de Políticas Sociais, Diversidade e Saúde organiza, en colaboración coa Asociación Tiresias Galicia, Discapacidade Visual: B1+B2+B3, un acto de sensibilización e visibilización da discapacidade visual que contará coa presenza de personalidades de prestixio. Estarán o Dr. Francisco Gómez-Ulla, xefe do Servizo de Oftalmoloxía do CHUS e director do Instituto Oftamolóxico Gómez-Ulla; Arturo Parrado, director xeral de Inclusión Social; Lourdes Díaz, presidenta da Asociación Tiresias Galicia; e a propia concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández.

O punto central do acto será a inauguración dun proxecto fotográfico de superación persoal dunha persoa con discapacidade visual, Retratos sobre fondo negro, do que é autora Pilo Gallizo, quen nos relatará a súa experiencia persoal. A exposición, composta por 41 fotografías, poderase visitar na Fundación Eugenio Granell dende o xoves día 13, Día Mundial da Visión, e ata o 26 de outubro. Pecharán o acto Lois Pérez, narrador oral e escritor e Uxía, unha das mellores voces do noso pais.

Este traballo de retratos é un proxecto de superación persoal no que a autora fotografía a xente que quere. Trátase dun plan, produto dunha serie de visitas que tivo na súa casa como consecuencia dun período de convalecencia dunha enfermidade, no período dun ano, que lle provocou a perda da vista, da que conserva solo o 30%. Para iso, montou un pequeno estudio e decidiu retratar a todos aqueles que foron vela.

Trátase dunha homenaxe á xente corrente e a fotografía como ferramenta de transformación persoal e social. Estas instantáneas falan dun momento, dunha situación, dunhas emocións, dun recordo. A súa vida atópase ligada a estas persoas, protagonistas destas imaxes e copartícipes dese momento inesquecible.

Pilo Gallizo
Nada en Zaragoza en 1979, Pilar leva máis dun lustro captando a esencia dos lugares polos que transita. Coñecedora da técnica, a súa preparación académica e as súas vivencias persoais son terra fértil da que brotan imaxes con moita carga emocional. En 2001 plasmou nun diario íntimo o día a día dun ano complicado e aquel traballo de subxectividade extrema supuxo unha viaxe ao interior de si mesma, da súa circunstancia.

Varios libros publicados e algún premio non é o importante. Pili mira á fronte e sempre ten ideas novas e interesantes entre as mans. Como artista sabe distanciarse sen perder un ápice de personalidade, que ao igual que a súa obra irradia versatilidade.

Compartir: