MEDIO AMBIENTE

O IDAE rectifica e Santiago optará a 1,5 millóns de euros para renovar o alumeado

10/10/2016 O Consello de Administración do Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía (IDAE) vén de estimar a reclamación presentada o pasado mes de xullo polo Concello compostelán contra a denegación da solicitude dun préstamo reembolsable para renovar o alumeado público por ter incluído un documento en galego. O alcalde, Martiño Noriega deu conta da notificación recibida hoxe, que permite que Santiago volva optar a recibir un préstamo de case 1,5 millóns de euros para actuar en 2.500 puntos de luz.

Na notificación recibida hoxe, o IDAE admite a incorporación á solicitude do Concello de Santiago do informe inicialmente enviado en galego, o da interventora municipal, traducido ao castelán. Deste xeito, a tramitación do expediente queda retrotraída ao momento da avaliación que teñen que efectuar os departamentos especializados do organismo estatal.

O Concello de Santiago presentara alegacións contra a desestimación da solicitude de préstamo por parte do IDAE, sinalando que o organismo estatal debera requirir que se achegara o informe redactado en castelán para emendar o erro, no canto de desestimar directamente a petición. Nese sentido, poñía en dúbida o argumento do IDAE de que o Concello de Santiago non incorrera nun erro, "senón que ignorou a expresa previsión de remitir todos os documentos en castelán, como unha resistencia á observancia de tal previsión".

Mellora da iluminación nos accesos á cidade
A Concellaría de Medio Ambiente e Convivencia solicitara a axuda do IDAE para renovar preto de 2.500 puntos de luz, que suporía un investimento de 1.465.194,18 euros. Segundo o seu programa de axudas, o organismo dependente do Ministerio de Industria aportaría o total do orzamento a través dun préstamo sen xuros, cun ano de carencia e a devolver en 10 anos. Deste xeito, o Concello empezaría a pagar en 2017, e faríao en cotas de 146.519 euros anuais.

En todo caso, o renovación da iluminación suporá un importante aforro enerxético, de case 240.000 euros anuais. Deste xeito, nos 10 anos de amortización do préstamo do IDAE, o Concello quedaría cun saldo positivo de máis de 900.000 euros. Ademais, as novas luminarias suporían unha redución na emisión de dióxido de carbono á atmosfera de case medio millón de toneladas en dez anos.

Compartir: