POLÍTICAS SOCIAIS

Novos convenios con Cáritas, Sarela, Proxecto Home e a Asemblea de Cooperación pola Paz

10/10/2016 A concelleira de Políticas Sociais, Diversidade e Saúde, Concha Fernández, asinou esta mañá catro novos convenios con entidades sociais da cidade por un importe total de 157.000 euros. Os acordos subscritos hoxe foron con Sarela, Asemblea de Cooperación pola Paz, Proxecto Home e Cáritas.

Un dos convenios de maior contía foi o asinado con Cáritas para o desenvolvemento dun programa de atención primaria, que ten como obxectivo acoller as persoas que pasan por algún tipo de dificultade, sexa do tipo que sexa. O Concello achega un total de 100.000 euros. O director de Cáritas, José Anuncio Mouriño, agradeceu a colaboración do Concello e destacou que "este programa nos permite axudar ás persoas de Compostela que están en situación de exclusión co pago das comunidades de veciños, os recibos da luz ou a auga, alimentación, etc".

O Concello tamén asinou un convenio por valor de 45.000 euros con Proxecto Home co obxectivo de desenvolver o Programa de Cocaína. Está deseñado para favorecer a rehabilitación e reinserción social de persoas adictas aos psicoestimulantes, fundamentalmente cocaína, que manteñen a súa estrutura familiar, social e laboral, ou son susceptibles de recuperar estas redes sen demasiadas complicacións e cun nivel de adicción que poda permitir a ruptura co mundo das drogas dentro dunha nova perspectiva de acceso ao traballo e de responsabilización da súa vida dende o primeiro momento. O director de Proxecto Home, Ramón Gómez, sinalou que "toda persoa que pida axuda pode ser atendida e, independentemente da súa problemática, poder encauzar a súa vida".

A Asemblea de Cooperación pola Paz foi outra das entidades asinantes no día de hoxe. Coa achega de 10.000 euros do Concello poderán desenvolver un programa de fortalecemento e visibilización das redes de traballo nos barrios de Compostela, co fin de destacar a necesidade de que haxa un tecido asociativo e unha administración pública que traballe en rede para poder fomentar a integración das persoas inmigrantes e para loitar contra a exclusión social desde os barrios. O proxecto leva por nome "Vite: Construíndo barrio dende a participación da cidadanía". Trátase da primeira vez que se asina un convenio destas características con esta entidade.

Neste proxecto, que se enfocará no barrio de Vite, realizarse unha guía de servizos útil e accesible para toda a veciñanza, con especial fincapé nas persoas migrantes. Realizarase tamén un diagnóstico participado das problemáticas que afectan á veciñanza como forma de sentar as bases de futuras intervencións en prol da integración, e un documental sobre a realidade do barrio no que se amosen os diferentes perfís que conviven e que pode aportar cada un deles á construción do barrio. O representante de ACPP, Alejandro Quiñoá, explicou os tres eixos do proxecto, herdeiro do desenvolvido en Fontiñas e San Pedro denominado "Barrios abertos".

Finalmente, a concelleira de Políticas Sociais asinou un convenio con Sarela por un importe de 2.000 euros. Con este acordo realizaranse dúas actividades deportivas que permiten aprendizaxes que inclúen o desenvolvemento de habilidades motrices básicas e complexas. Os deportes que se elixiron son boccia e slalom. O boccia é semellante á petanca, de precisión e estratexia. Naceu para xogadores con parálise cerebral pero que calquera persoa pode xogalo sempre e cando se senten nunha cadeira. Existen probas individuais, por parellas e de equipos, sendo un deporte mixto no que os homes e as mulleres compiten entre si. O slalom é unha modalidade deportiva que era practicada exclusivamente por persoas con parálise cerebral. Consiste nunha carreira de obstáculos en cadeira de rodas. Á sinatura acudiu o seu presidente, José Balboa

Compartir: