ALCALDÍA

O matemático francés Cédric Villani, Medalla Fields 2010, visitou o Pazo de Raxoi

01/10/2016 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, acompañado doutros membros da Corporación, recibiu o matemático francés Cédric Villani, Medalla Fields 2010, quen participa como conferenciante do programa de divulgación científica ConCiencia 2016. O científico asinou no Libro de Honra da Cidade.

O gañador da Medalla Fields en 2010 –o equivalente ao Nobel en matemáticas–, Cédric Villani (1973, Brive-la-Gaillarde, Francia), visita Compostela estes días convidado polo programa ConCiencia que organizan a USC e o Consorcio de Santiago, nesta ocasión coa colaboración de RedEmprendia.

O acto central do programa será o luns 3 de outubro, coa conferencia "De triángulos, gases, prezos e homes", que pronunciará ás 19:30 horas no Auditorio Abanca (Preguntoiro, 23). O acto, que contará con tradución simultánea, é aberto a calquera persoa interesada. Nel contará a historia de tres problemas matemáticos, que veñen respectivamente da xeometría, da física estatística e da economía, e que se xuntan dun xeito inesperado e produtivo. Aproveitará ademais para evocar grandes teorías e persoas e o xeito no que vai o progreso matemático.

Villani, director do Instituto Henri Poincaré de París (Francia), é ademais o encargado de pronunciar este sábado, 1 de outubro, a conferencia de clausura do evento Spin2016 na Cidade da Cultura. O relatorio leva por título "O moderno romance entre as matemáticas e a sociedade".

Cédric Villani
Nado no seo dunha familia de universitarios e artistas, Villani ingresa aos 16 anos no prestixioso instituto Louis-le-Grand e en 1992 consegue entrar co número 4 na École Normale Supérieure de Paris, onde se especializa en matemáticas. Dous anos máis tarde comeza a súa tese de doutoramento baixo a dirección da Medalla Fields Pierre-Louis Lions, fillo de Jacques-Louis Lions, que foi nomeado doutor honoris causa pola Universidade de Santiago de Compostela.

Finalmente, en 1998 presenta a súa tese doutoral, na que estuda as colisións rasantes nos gases e o aumento da entropía segundo a teoría de Boltzmann. Dous anos despois consegue a cátedra na École Normale Supérieure de Lyon. Tras ser nomeado director do famoso Institut Henri Poincaré en 2009, obtén a Medalla Fields en 2010 "polas súas demostracións do amortiguamento non lineal de Landau e a converxencia ao equilibrio da ecuación de Boltzmann" e é elixido membro da Académie des Sciences de Paris en 2013.

Científico comprometido
Cédric Villani é un científico comprometido coa sociedade, que dedica parte do seu tempo á comunicación e divulgación científica, participa en documentais sobre o impacto das matemáticas na sociedade actual ou, entre outras cousas, promove cine-clubs onde debate con outros científicos sobre a representación da ciencia e a investigación no cinema ou a relación entre ciencia e arte.

Acumula una abondosa colección de importantes premios. Á Medalla Fields hai que sumarlle os premios Louis Armand de l'Académie des Sciences de Paris en 2001, o da European Mathematical Society en 2008 ou os Fermat e Henri Poincaré en 2009.

Compartir: