ACCIÓN CULTURAL E TURISMO

Un outubro de festivais e potente escena no cuarto número de "Compostelánea"

30/09/2016 As concelleiras de Turismo, Marta Lois, e de Acción Cultural, Branca Novoneyra, presentaron no Pazo de Raxoi o número de outubro de Compostelánea, a publicación municipal que informa da ampla oferta cultural e de ocio de Santiago. Trátase do cuarto número desta revista mensual, que naceu no pasado mes de xullo co gallo de ofrecer a habitantes e visitantes de Santiago de Compostela unha guía práctica da programación cultural e turística compostelá.

Compostelánea dedica a súa reportaxe principal ao festival de curtametraxes Curtocircuíto, que se celebrará do 3 ao 9 de outubro, con proxeccións, foros e concertos. O evento comparte protagonismo con Womex 2016, a cita mundial da industria musical que entre o 19 e o 23 de outubro volve á capital galega, tras o éxito da súa vixésima edición en 2014.

En música, Socorro Lira e a Mónica de Nut presentan os seus últimos traballos acompañadas no escenario por Uxía, Carlos Blanco e Sergio Tannus, a primeira, e por Luis Martíns, e os bailaríns Isabel Sánchez e Leodán Rodríguez, a segunda.

Na axenda musical sobresaen as Xornadas de Música Contemporánea, que se celebrarán ao longo dos meses de outubro e novembro, e os concertos do Auditorio de Galicia. Na sección de Opinión, dando voz aos axentes culturais da cidade, este número conta cun artigo de Fernando Lacaci, abonado máis antigo do Auditorio de Galicia, con motivo do inicio de temporada. Completan o xornal as estreas de cinema e as exposicións temporais.

A axenda destaca tamén o programa de Teatro & Danza deste mes, coa compañía vasca de danza Kukai; e as pezas Mon élue noire e A nós faunes en colaboración co Instituto Francés, dirixidas e coreografiadas por Olivier Duboi. A poderosa portada, pola súa parte, amosa a Israel Elejalde en Hamlet, que terá lugar no Auditorio de Galicia o venres 28. Ademais, haberá a oportunidade de asistir a Habrás de ir a la guerra que empieza hoy, de Pablo Fidalgo, e Ensaio sobre a cegueira, de Sarabela Teatro.

As páxinas dedicadas á oferta turística de Santiago e os seus municipios veciños inclúen a proposta de Área Santiago para un outono gastronómico en familia, o amplo abano de visitas guiadas e rutas a pé de Santiago e a listaxe de museos e monumentos visitables cos seus horarios de apertura, así como o mapa turístico-cultural compostelán.

Compostelánea é editada polo Concello de Santiago e conta coa coordinación da Concellaría de Acción Cultural e Turismo de Santiago.

Direccións relacionadas



Compartir: