XUNTA DE GOBERNO

Aprobado o proxecto de repavimentación do parque de Santa Susana

30/09/2016 A Xunta de Goberno aprobou hoxe o proxecto de repavimentación do parque de Santa Susana, ao que se destinará un orzamento de 140.187,24 euros, IVE incluído, procedente dos remanentes. O prazo de execución desa actuación será de cinco semanas.

O firme na subida á igrexa de Santa Susana e en varios puntos próximos atópase en mal estado de conservación, despois da última intervención na zona, no ano 2007. O proxecto aprobado hoxe prevé manter a cor e a textura do pavimento actual dos paseos da Alameda, para non alternar a imaxe do conxunto e evitar a aparición de parches no acabado final.

Reurbanización de Rapa da Folla
En materia de obras, a Xunta de Goberno tamén lle deu luz verde hoxe ao proxecto reformado de reurbanización da rúa Rapa da Folla. O alcalde, Martiño Noriega, lembrou que foi preciso paralizar esta actuación, porque estaba afectada polos traballos tanto de Carreira do Conde como de Montero Ríos.

O novo proxecto técnico sinala que o paso de peóns da beirarrúa que comunica coa avenida das Casas de Compostela deberá realizarse con lousas de pedra das mesmas características que as utilizadas en Carreira do Conde. Os encontros entre o borde da zona verde proxectada e a beirarrúa de pedra existente tamén deberán resolverse coa mesma tipoloxía de Carreira do Conde. As obras teñen un tipo de licitación de 44.846,58 euros, IVE incluído, e un prazo de execución de cinco semanas.

O rexedor lembrou que a Deputación da Coruña, que financia a actuación, xa aceptou unha prórroga do proxecto ata decembro, e explicou que, no caso de non ser suficiente, tramitaríase unha nova ampliación do prazo para executar os traballos.

Parque arqueolóxico da Rocha
Na reunión desta mañá, o Goberno acordou iniciar o procedemento de expropiación dos bens e dereitos afectados polo Plan Especial de protección e acondicionamento do parque arqueolóxico da Rocha, un documento que se empezou a tramitar en 2015. A este proceso de expropiación, que será sometido a exposición pública polo prazo dun mes, destinaranse 174.697 euros.

Doutra banda, a Xunta de Goberno acordou hoxe conceder a licenza necesaria para as obras de restauración do ciborio da Catedral de Santiago, unha obra que ten un orzamento de execución de 899.530,91 euros.

Documentos relacionados

Direcciones relacionadas



Compartir: