ALCALDÍA

Inaugurado o Spin2016, o maior evento dedicado ao emprendemento universitario

29/09/2016 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, participou esta mañá na inauguración na Cidade da Cultura de Spin2016, o maior evento dedicado ao emprendemento universitario. O acto estivo presidido polo titular en funcións da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e contou tamén coas intervencións da secretaria xeral iberoamericana, Rebeca Grynspan; o secretario xeral da Organización de Estados Iberoamericanos para a Educación, a Ciencia e a Cultura, Paulo Speller; o presidente de RedEmprendia e reitor da Universidade de São Paulo, Marco António Zago; e o vicepresidente e conselleiro executivo de Banco Santander, Rodrigo Echenique. Previamente tivo lugar unha masterclass do músico e compositor arxentino Gustavo Santaolalla, gañador de dous Premios Oscar á Mellor Banda Sonora por Babel e Brokeback Mountain.

En Spin 2016 participan máis de 3.000 persoas -estudantes, emprendedores, inversores, académicos e representantes de universidades de toda América Latina, España e Portugal-, 70 relatores e un centenar de proxectos emprendedores, que se darán cita en Compostela ata este sábado.

O Concello de Santiago colabora na celebración deste evento, organizado por RedEmprendia, Banco Santander -a través de Santander Universidades-, a Universidade de Santiago de Compostela, a Fundación Cidade da Cultura e a Xunta de Galicia.

Compartir: