CONSORCIO

A Real Filharmonía de Galicia realizará tres concertos nos centros socioculturais de Vite, Santa Marta e Fontiñas a vindeira semana

29/09/2016 A Real Filharmonía de Galicia vai celebrar a vindeira semana tres concertos nos centros socioculturais de Vite, Santa Marta e Fontiñas. Estas actuacións, que serán gratuítas ata completar o aforo, buscan achegar a RFG e a música clásica a novos públicos. As citas serán o mércores no centro de Vite (que este ano celebra o seu 25º aniversario), o xoves en Santa Marta (Sala Agustín Magán) e o venres en Fontiñas; todas elas ás 19:00 horas. Ademais, parte da orquestra tocará o mércores no Teatro Jofre de Ferrol e o xoves ofrecerá un concerto no Teatro Principal de Ourense.

No concerto de Vite, que se repetirá o xoves na cidade de Ourense, levará a batuta o violinista principal da orquestra, James Dahlgren, que ocupa este posto na RFG dende o ano 2005. Non é a primeira vez que se pon á fronte da orquestra ao tempo que toca o violín. É ademais concertino honorario da Orquestra Nacional de Porto. Nacido en California, logo de traballar durante cinco anos coa Orquestra da Ópera de San Francisco, aceptou o posto de concertino na Orquestra Metropolitana de Lisboa e, máis tarde, o de concertino asociado na Orquesta Ciudad de Granada. Tras chegar a Europa traballou como concertino invitado en varias orquestras. Ademais, é profesor de violín na Escola de Altos Estudos Musicais, en Santiago.

A actuación comezará coa Marcha para tres trompetas de Carl Philipp Emanuel Bach, o quinto dos sete fillos de Johann Sebastian Bach. A obra será interpretada por Javier Simó, trompetista principal da orquestra; Ramón Llátser, trompetista coprincipal; e Diego Aragón, estudante de especialización orquestral na Escola de Altos Estudos Musicais.

A continuación, a orquestra achegará ao público a Sinfonía para cordas nº 2 de Mendelssohn. De seguido soará a Sonata en Re de Franceschini, que será interpretada á trompeta por Javier Simó e Ramón Llátser, e Fanfarria para St. Edmundsbury, de Benjamin Britten, que tocarán os tres trompetistas. Os concertos concluirán coas obras de Edvard Grieg Suite Holberg e Dúas melodías.

Concertos en Santa Marta e Fontiñas co violoncello como protagonista
Nos concertos de Santa Marta e Fontiñas, co mesmo programa que a RFG tocará o mércores en Ferrol, levará a batuta a axuda de concertino da orquestra, Adriana Winkler. Estudou na Universidade de Música de Bucarest. Entre 2007 e 2011 foi agregada cultural na Embaixada de Romanía en Berlín. Tamén é profesora de violín na Escola de Altos Estudos Musicais en Santiago de Compostela.

Estes concertos comezarán coas Danzas Romanesas de Béla Bartók. O público poderá escoitar ademais o Concerto para violoncello de Vivaldi, Elexía de Mainardi e, por último, a Serenata de Dvorák.

A Elexía de Enrico Mainardi será interpretada ao violoncello por Thomas Piel, violoncellista da orquestra. Natural da cidade alemá de Colonia, entre os seus profesores tivo ao mestre ruso Mstislav Rostropóvich. Ademais do seu labor na Real Filharmonía de Galicia, na actualidade ensina violoncello na Escola de Música Berenguela, en Santiago.

Compartir: