FACENDA

Actividades de integración de persoas con diversidade funcional ou en prol da igualdade, entre as propostas dos OP de Mocidade

29/09/2016 A asemblea de Mocidade dos Orzamentos Participativos Compostela Decide reuniu onte no Centro Sociocultural e Xuvenil do Ensanche un grupo de mozos e mozas que traballaron na detección e proposición de ideas de actividades en función das súas necesidades e desexos.

Formuláronse propostas diversas, algunhas das cales xa están rexistradas na web dos OP, como un ciclo de documentais que amose as novas realidades sociais e que fomente o tecido asociativo entre a poboación máis nova, mostras de arte na rúa e das diferentes manifestacións da cultura urbana en lugares públicos, obradoiros para exercitar o cerebro dirixidos á mocidade con baixos recursos económicos, xornadas multiculturais que amosen e integren culturas alleas á nosa, a experiencia de ser unha persoa cega por un día, danza terapéutica para o fomento da autoestima entre as mulleres, un ciclo de lectura crítica dos medios de comunicación ou deporte para a integración en colaboración con asociacións que traballan con familias en risco de exclusión e poboación migrante.

O equipo técnico explicou que non será vinculante á persoa propoñente a realización da actividade, isto é, que o feito de que sexa unha persoa quen propoña unha actividade non ten por que significar que vaia ser ela mesma quen a desenvolva se resulta escollida na fase final.

Dentro dos OP Compostela Decide, o proceso de Mocidade retoma a experiencia desenvolvida en 2015, que xa outorgara a mozas e mozos un papel máis activo na construción do Concello, ao poder formular e decidir de xeito directo propostas de actividades a desenvolver durante todo o ano ou nun período concreto. Ao mesmo tempo, pretende ser un proceso de recoñecemento ao seu papel activo na sociedade.

Ata o 6 de outubro está aberto o prazo para propoñer -calquera persoa pode facelo-, e a partir do 21 de outubro a mocidade de entre 16 e 35 anos censada ou estudante en Compostela poderá priorizar as actividades que considere máis interesantes ou necesarias. Celebrarase unha asemblea a este efecto o 26 de outubro para quen queira facer a súa escolla de xeito presencial, pero tamén se poderán escoller as actividades a través da web, entre o 21 de outubro e o 6 de novembro.

A cantidade total para os orzamentos de Mocidade, sobre unha partida total de 1.100.000 euros, é de 100.000 euros.

Direcciones relacionadas



Compartir: