DEPORTE

Compostela acolle este domingo a I Carreira e Andaina Solidaria Tras-Ril-San

29/09/2016 O Campus Vida e a Alameda de Santiago serán escenario este domingo, 2 de outubro, da I Carreira e Andaina Solidaria Tras-Ril-San, organizada por esta Asociación Galega de Transplantados de Ril. O concelleiro de Deporte, Rafael Peña, e o atleta Pedro Nimo, padriño da carreira, ofreceron nunha rolda de prensa en Área Central os detalles da proba, que conta co control técnico da delegación compostelá da Federación Galega de Atletismo.

A saída e a meta da carreira estarán a carón do estanque da residencia universitaria situada na avenida de Antonio Raimundo Ibáñez. O circuíto transcorrerá polo Campus Vida e a Alameda e a distancia a percorrer dependerá da categoría, sendo a maior a da absoluta, 5 quilómetros. Ademais da modalidade de carreira, haberá unha andaina de 2,5 Km, que arrancará despois da saída da carreira absoluta. As saídas comezarán ás 11:00 horas coas categorías escolares.

Mañá venres, 30 de setembro, remata o prazo de inscrición, que ten un prezo de 7 euros nas categorías absoluta e de andaina para maiores de 16 anos, e de 3 euros nas categorías escolares, pitufos e andaina para menores de 16 anos.

Haberá premios individuais aos primeiros/as clasificados/as de cada categoría e tamén para os tres primeiros equipos federados e non federados.

Direccións relacionadas



Compartir: