ALCALDÍA E TURISMO

Arranca o proceso para revisar o Plan Estratéxico de Turismo co foro "STO, Santiago Turismo Ordenado"

29/09/2016 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, inaugurou esta mañá o Foro STO: Santiago Turismo Ordenado, "Repensando a relación entre o Turismo e a Cidade". Martiño Noriega sinalou que este encontro debe ser "un punto de partida para renovar o Plan Estratéxico de Turismo, nun proceso no que ten que haber escoitas activas cos representantes do sector".

O rexedor compostelán recoñeceu que "a interlocución co sector é unha materia pendente, que o Goberno está intentando superar con medidas como a celebración deste Foro ou a convocatoria do Consello Municipal de Turismo, que non se reunía desde o ano 2010". O alcalde lembrou que "estamos en ano récord para o turismo, pero queda moito que mellorar en cuestións como as noites de pernocta".

Participación do sector
O Foro STO Turismo Ordenado está organizado pola Concellaría que dirixe Marta Lois, co obxectivo de sentar as bases para unha actualización sostible e consensuada do Plan Estratéxico de Turismo 2009-2015. A concelleira de Turismo entende que a participación do conxunto dos sectores é imprescindible para diagnosticar os problemas e oportunidades da actividade turística en Santiago e para afrontar cuestións como os desafíos económicos, os custos dunha boa promoción, o papel da Administración local e a definición dun papel mais activo do sector. Por iso, a participación non se limita só ás mesas, senón que se fomentará antes, durante, e despois da propia xornada.

Mesas de debate
Ás mesa de debate de hoxe foron convidadas persoas representantes do sector turístico (aloxamentos turísticos, restauración, transporte, organización de eventos, intermediación turística, comunicadores, planificadores...) pero tamén da veciñanza, doutros sectores económicos, da administración nas súas diversas escalas e do ámbito relixioso. O foro dividiuse en tres mesas de debate. A primeira delas, sobre turismo e sostibilidade, analizou a capacidade de carga física dos destinos turísticos buscando a calidade; a segunda tratou a relación do turismo cos espazos urbanos; e a terceira abordou a relación entre as persoas que visitan Compostela e a veciñanza, co foco posto na capacidade de acollida dos propios destinos turísticos.

Consello Municipal de Turismo
Esta mesma semana, coincidindo co Día Internacional de Turismo, quedou constituído o Consello Municipal de Turismo, que levaba sen reunirse dende xullo de 2010.

No Consello participaron os grupos políticos con representación no Pazo de Raxoi e os axentes estratéxicos do sector turístico como a Asociación Hostalería Compostela, Universidade de Santiago, Turismo de Galicia, Guías Turísticos de Santiago, Asociación de Intermediación de Produtos Turísticos de Viaxes de Galicia (AGAVI), Compostela Monumental, Fundación Santiago Centro, Cidade da Cultura ou Unión de Consumidores de Galicia.

Na xuntanza definiuse tamén o calendario de reunións do Consello, acordándose que será cada tres meses e designouse a persoa experta en Turismo entre tres perfís solventes. O Consello decidiu elixir a Xosé Manuel Santos Solla, licenciado en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago e experto en xeografía do turismo.

Compartir: