MEDIO AMBIENTE E CONVIVENCIA

Os Bombeiros de Santiago retiraron 85 niños de avespa asiática no último ano

28/09/2016 Entre setembro de 2015 e o pasado día 2, os Bombeiros de Santiago retiraron un total de 85 niños de avespa asiática (Vespa velutina). A maioría das intervencións concentráronse no pasado verán, con 18 no mes de xullo, 19 en agosto, e 38 intervencións no mes de setembro (ata o día 25). A evolución destes datos dá boa mostra da invasión que Galicia está a padecer deste insecto, xa que no mes de setembro de 2015 só foi preciso retirar un niño, fronte aos 38 de setembro deste ano.

Das intervencións realizadas polos Bombeiros, 37 tiveron lugar no ámbito rural e 48 no ámbito urbano. Os lugares nos que se localizaron máis niños foron a rúa da Estrada, con seis; a parroquia do Eixo, con outros seis; Laraño, con cinco niños; e O Castiñeiriño, tamén con cinco.

A Vespa velutina é unha avespa de orixe asiática, que apareceu por primeira vez en España no ano 2010, en concreto en Navarra. Dende aí, a súa presenza foise estendendo por toda a cornixa cantábrica. Para a poboación humana non supón máis perigo que a avespa autóctona, pero si ocasiona graves danos pola súa capacidade depredadora cara a outros insectos autóctonos, fundamentalmente as colonias de abellas. A súa presenza tamén supón importantes prexuízos para as producións froitícolas.

Compartir: