ALCALDÍA

Martiño Noriega recibe os responsables da Cátedra Galicia-América

27/09/2016 O alcalde de Santiago recibiu hoxe no Pazo de Raxoi os responsables da Cátedra Galicia-América, da Universidad Nacional de San Martín (Arxentina). No encontro con Martiño Noriega participaron o director da Cátedra, o escritor Manuel Rivas, e os profesores de San Martín Mario Greco e Micaela Cuesta.

A Cátedra Galicia-América nace como un punto de inflexión nos estudos da emigración galega, co obxectivo de recuperar a súa memoria pero mirando cara o futuro. Con ela, a Universidad Nacional de San Martín quere crear un espazo de reflexión crítica, investigación e difusión da cultura, a historia e a realidade de Galicia; e ao tempo renovar os vínculos entre as comunidades de galegos e de arxentinos.

Ao abeiro desta Cátedra, que se presentou durante a Feira Internacional do Libro de Buenos Aires, que tivo a Compostela como cidade invitada, vanse realizar actividades como presentacións de libros, conferencias, ou clases abertas de música ou gastronomía. Tamén está previsto que en 2017 organice un Encontro Nacional de Investigadores sobre migracións galegas e españolas a Arxentina.

Compartir: