TURISMO

Constituído o Consello Municipal de Turismo, que levaba sen reunirse dende o ano 2010

27/09/2016 A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, presidiu esta mañá a sesión de constitución do Consello Municipal de Turismo, que levaba sen reunirse dende xullo de 2010. Ademais queda constituído coincidindo co Día Internacional do Turismo, que este ano se dedica ao turismo accesible.

No Consello participaron os grupos políticos con representación no Pazo de Raxoi e os axentes estratéxicos do sector turístico como a Asociación Hostalería Compostela, Universidade de Santiago, Turismo de Galicia, Guías Turísticos de Santiago, Asociación de Intermediación de Produtos Turísticos de Viaxes de Galicia (AGAVI), Compostela Monumental, Fundación Santiago Centro, Cidade da Cultura, Unión de Consumidores de Galicia, etc.

Na xuntanza de hoxe definiuse tamén o calendario de reunións do Consello, acordándose que será cada tres meses e designouse a persoa experta en Turismo entre tres perfís solventes. O Consello decidiu elixir a Xosé Manuel Santos Solla, licenciado en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago e experto en xeografía do turismo.

Foro STO: Santiago Turismo Ordenado
Este xoves celebrarase tamén unha xornada turística que leva por nome Foro STO: Santiago Turismo Ordenando, "Repensando a relación entre o Turismo e a Cidade". A cita será a partir das 9:30 horas no Centro de Interpretación Ambiental de Compostela (CIAC), en Belvís.

O obxectivo da xornada, na que participará o sector turístico, é servir de punto de partida para a revisión do Plan Estratéxico de Turismo 2009-2015, sentando as bases para unha actualización do mesmo, consensuada e acorde ás necesidades da poboación, do empresariado local e dos turistas, e orientada a coñecer de forma plural a opinión existente sobre o fenómeno turístico na cidade.

Á mesa de debate serán convidadas persoas representantes do sector turístico (aloxamentos turísticos, restauración, transporte, organización de eventos, intermediación turística, comunicadores, planificadores...) pero tamén da veciñanza, doutros sectores económicos, da administración nas súas diversas escalas e do ámbito relixioso.

A participación do conxunto dos sectores é imprescindible para diagnosticar os problemas e oportunidades da actividade turística en Santiago de Compostela e para afrontar cuestións coma os desafíos económicos, os custos dunha boa promoción, o papel da Administración local e a definición dun papel mais activo do sector. Por iso, a participación non se limita só ás mesas, senón que se fomentará antes, durante, e despois da mesa STO.

Compartir: