TURISMO

Santiago, na feira JATA de Tokio

26/09/2016 O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade participou na feira JATA de Tokio, celebrado do 22 ao 25 de setembro na capital nipoa. As 15 cidades inscritas na Lista do Patrimonio Mundial da Unesco promocionaron a súa riqueza cultural e patrimonial da man de Turespaña nunha caseta propia.

Santiago de Compostela e as outras 14 cidades da rede tiveron ocasión de mostrar os seus destinos nunha reunión de traballo que a OET de Tokio organizou o día previo á feira, á que asistiron axentes de viaxes e profesionais xaponeses do sector turístico. A feira JATA 2016, que recibiu ao redor de 200.000 visitantes, é a máis importante da zona Asia-Pacífico, xa que reúne a países, empresas e organizacións do sector turístico de todo o mundo. O foro está organizado pola Asociación Xaponesa de Axencias de Viaxe e ofrece un escaparate ao mundo de dobre vertente: aberta a profesionais os dous primeiros días, e ao público en xeral durante o fin de semana.

Accións do Grupo en Asia
Dentro do conxunto de accións de promoción e comercialización acometidos este ano polo GCPHE, os mercados emisores asiáticos están a cobrar cada vez máis relevancia, sendo Xapón uno dos mercados internacionais clásicos prioritarios para o Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España. Nun ano tan positivo no turístico, estes mercados de longa distancia achegan un número considerable de visitantes ao noso país e ás nosas cidades. O seu elevado nivel de gasto e o seu interese polo turismo cultural fan deles visitantes de grande interese para os nosos destinos.

No marco do activo convenio que o Grupo mantén con Turespaña, durante este ano realizáronse importantes accións para presentar e reforzar a presenza dos destinos das 15 cidades nestes mercados, como presentacións directas ante turoperadores e medios en Corea do Sur (Seúl), Xapón (Tokio) e Filipinas (Manila), ademais da organización de diferentes viaxes de familiarización para profesionais do sector.

Ademais, proximamente, o Grupo participará na feira ITB Asia, que terá lugar en Singapur entre os días 19 e 21 de outubro, e na China International TravelMart, que terá lugar en Shangai entre os días 11 e 13 de novembro.

O mercado emisor de Xapón
O mercado nipón está identificado entre os denominados mercados de gran potencial, de importante crecemento nos últimos anos e con grandes posibilidades de seguir aumentando. O perfil do turista xaponés responde a persoas de idade media, cun poder adquisitivo medio-alto, interesados na cultura e a tradición local e que están moi influídos pola seguridade á hora de elixir destino.

Aínda que as viaxes dos xaponeses ao estranxeiro experimentaron unha importante contracción debido á percepción de inseguridade e encarecemento pola desvalorización do yen (JTB Report 2015), este emisor mantén un excelente comportamento nas chegadas ao noso país.

O ano pasado visitaron España 601.000 turistas xaponeses, un 26,6% máis que o ano anterior. Cataluña, Madrid (e cidades próximas) e Andalucía seguen sendo os seus principais destinos.

O excelente comportamento deste mercado continúa neste ano e, en termos xerais, prevese que a chegada de turistas a España procedentes dos diferentes países da rexión Asia-Pacífico manteña a positiva evolución destes mercados, con aumentos xeneralizados nas chegadas dende Corea do Sur, India, Xapón e China.

Compartir: