POLÍTICAS SOCIAIS

O Concello asina cinco convenios con entidades sociais por valor de 82.500 euros

26/09/2016 A concelleira de Políticas Sociais, Diversidade e Saúde, Concha Fernández, asinou hoxe cinco convenios nominativos con entidades sociais da cidade que traballan no eido da diversidade. Os convenios asinados hoxe foron co Albergue Xoán XXIII, Aspas, Fundación Andrea, Fonte da Virxe e Down Compostela.

A finalidade dos mesmos pasa por "desenvolver actividades propias do seu ámbito, dende o punto de vista do traballo social", sinalou Concha Fernández, e están recollidos nos convenios nominativos para este ano 2016. En total, asináronse convenios por valor de 82.500 euros.

Así, o acordo coa Fundación Andrea, de 3.000 euros, irá dirixido á "realización de actividades individuais e grupais con familiares e con nenos e nenas que precisan tratamento psicolóxico que os axude a afrontar unha enfermidade de longa duración", tal e como afirmou a representante da Fundación, María del Rosario Barca. Por iso, engadiu, "resultan imprescindible este tipo de convenios co Concello para poder desenvolver estas actividades". Danse casos moi diversos, dende a aceptación por parte da familia do falecemento do seu fillo ou filla ata como afrontar o día a día dun recén nado con parálise cerebral.

O convenio nominativo coa Asociación Aspas, de 6.000 euros, presenta varias novidades neste ano, que parten ademais do aumento da contía. A Asociación levará a cabo dous tipos de programas, un de respiro familiar para aquelas familias que precisen algún tipo de servizo de atención a persoas con discapacidade e outro de intervención baseado na autonomía familiar.

O seu representante, Javier García, recoñecía o seu "agradecemento por esta sinatura, que nos permite desenvolver nos pisos cedidos polo Concello diversas actuacións que fomentan a autonomía persoal das persoas con algún tipo de discapacidade e permítenos traballar tamén temas como os hábitos de vida no fogar ou a autonomía na propia casa".

O convenio coa Fundación Fonte da Virxe, ten unha contía de 3.500 euros, que serán destinados a un programa de respiro familiar para persoas que padecen unha enfermidade mental. O proxecto consiste na realización de actividades/saídas de fin de semana co fin de favorecer as relacións familiares, xa que asegurando períodos de descanso, as familias poden contrarrestar a fatiga e o estrés. Ademais, as persoas beneficiarias poden adquirir unha serie de habilidades e destrezas para a vida cotiá que supoñen unha diminución de recaídas e un aumento da súa calidade de vida. A representante da asociación, Mar Piñeiro, destacou o obxectivo destas actividades, como é "ofrecer un respiro ás familias de persoas con algún tipo de enfermidade mental polo desgaste emocional que teñen estas enfermidades".

O Concello renova ademais o convenio co Albergue Xoán XXIII para a realización de actividades que non só se relacionen co acollemento nocturno das persoas sen teito e transeúntes, senón tamén, como explicaba Francisco Castro, "para o desenvolvemento de actividades que están a ter unha moi boa acollida como son os cursos de formación". O convenio nominativo co albergue ten unha contía de 60.000 euros. Tamén inclúea a promoción e colocación no mundo laboral destas persoas, e a súa orientación e asesoramento na procura activa de emprego.

Finalmente quedou tamén asinado un convenio coa Fundación Down Compostela por valor de 10.000 euros para o desenvolvemento do programa de vida independente Isto é vida. Contémplase este proxecto como unha primeira experiencia de vida independente para adultos con síndrome de Down ou discapacidade intelectual que nunca puideron gozar da posibilidade de xestionar a súa vida. A entidade dispón dunha vivenda destinada a poñer en práctica todas as habilidades de vida diaria necesarias para ter unha vida autónoma e independente, realizando nela as seguintes actividades: compras, tarefas de cociña, limpeza, lavado da roupa, xestión dos cartos, hixiene persoal, responsabilidades na xestión do fogar, desprazamentos autónomos...

As persoas beneficiarias do proxecto asisten de luns a xoves á vivenda, compaxinando esta actividade con outras actividades formativas ou vitais, como por exemplo a asistencia ao seu traballo. Juan Jesús Martínez, de Down Compostela, amosouse moi satisfeito con este convenio, porque permite responder a unha "reivindicación de moitos anos das persoas con síndrome de Down".

Compartir: