DESENVOLVEMENTO ECONÓMICO

Un ciclo de cine, un combate de debuxantes e as "noites do fracaso" dan inicio ao Spin2016

24/09/2016 O emprendemento chega ao noso concello con Spin2016. Desde o 26 de setembro, e ao longo dunha semana, a capital galega alberga numerosas actividades que achegarán un pouco máis a realidade dos/as emprendedores/as a toda a cidadanía. Cultura, emprendemento e humor estarán presentes na zona monumental entre o 26 e o 28 de setembro, para trasladarse despois á Cidade da Cultura de Galicia, onde do 29 de setembro ao 1 de outubro celebrarase Spin2016, o maior evento dedicado ao emprendemento universitario.

O Concello de Santiago colabora na celebración deste evento, organizado por RedEmprendia, Banco Santander -a través de Santander Universidades-, a Universidade de Santiago de Compostela, a Fundación Cidade da Cultura e a Xunta de Galicia.

A axenda arranca o 26 de setembro con Cinefórum Spin2016, unha serie de encontros con novos realizadores nos que se abordarán, entre outras cuestións, as claves para sacar adiante un proxecto audiovisual, mesmo cando non se conta cun gran orzamento, e as dificultades e satisfaccións do proceso creativo. Proxectaranse no Teatro Principal tres pezas audiovisuais con historias moi diferentes. Estes encontros están organizados coa colaboración do Concello de Santiago e o Festival Internacional de Cinema Curtocircuíto.

O 26 de setembro poderase ver o making of de Rendezvous, unha longametraxe de ciencia ficción realizado cun orzamento low cost e moita artesanía por Román Santiago e Guillermo Julián. Unha cinta aínda sen estrear en Galicia e que xa cegou ao público do FANT (Festival de Cinema Fantástico de Bilbao) e do Nocturna (Festival Internacional de Cinema Fantástico de Madrid).

O 27 de setembro será a quenda do realizador Xacio Baño e a súa curtametraxe documental Eco, un traballo sobre o cruce de camiños entre a memoria persoal e a histórica que recibiu o Premio especial do xurado no Festival Internacional de Curtametraxes de Clermont-Ferrand e o Premio Mestre Mateo 2016 á mellor curta en 2016.

O mércores 28 de setembro pechará o Cinefórum Spin2016 o director e guionista colombiano Simón Mesa co seu traballo Leidi, Palma de Ouro á Mellor Curtametraxe no Festival de Cannes 2014.

Rirse do fracaso
O 27 de setembro será a primeira vez que se celebren en Santiago de Compostela as Fuckup Nights (Noites do Fracaso), un movemento global nacido en México en 2012 co obxectivo de servir de catarse aos emprendedores. A cita será no Ateneo a partir das 22:00 horas e cunha anfitrioa de honra: a mexicana Leticia Gasca, directora e cofundadora das Fuckup Nights e do Instituto do Fracaso. Acompañarana catro emprendedores "fracasados" que relatarán, con moito humor, como os seus negocios se foron a pique e todo o que aprenderon no camiño.

O mércores 28 será a quenda de afiar os lapis nun Combate de Debuxantes que se celebrará na Unitaria (calzada de San Pedro, s/n) a partir das 21:30 horas e coa colaboración de Metrópoles Delirantes. Oito ilustradores galegos enfrontaranse ao desafío de comunicar cos seus debuxos conceptos do mundo da empresa nunha reflexión creativa e divertida sobre a, ás veces, complicada xerga do mundo do emprendemento e os negocios.

Spin2016 no Gaiás
Xa o 29 de setembro e o 1 de outubro, a actividade desprázase á Cidade da Cultura de Galicia, que acollerá máis de 2.000 emprendedores, estudantes, investigadores, docentes, empresas ou investidores procedentes de España, Portugal e América Latina.

Os asistentes terán a oportunidade de escoitar e aprender de máis de 70 personalidades do mundo da ciencia, a investigación, a empresa, a cultura ou o deporte. Entre eles, atópanse o músico e compositor arxentino Gustavo Santaolalla, gañador de dous Premios Óscar á Mellor Banda Sonora por Babel e Brokeback Mountain; a escritora brasileira Premio Princesa de Asturias das Letras, Nélida Piñón; o ex-seleccionador de fútbol español, Vicente del Bosque; a nomeada ao Premio Nobel da Paz e directora do Instituto Afgano da Aprendizaxe, Sakena Yacoobi; ou a moza emprendedora peruana Mariana Costa, cuxo traballo en favor da integración das mulleres no ámbito tecnolóxico foi eloxiado por Barack Obama e Mark Zuckeberg.

Ademais, Spin2016 apoiará os mellores proxectos emprendedores e empresas impulsados por universitarios iberoamericanos repartindo premios por un valor de 100.000 euros. Completa o evento unha extensa axenda de actividades lúdicas como o MotorHome Santander Universidades -onde vivir a experiencia de conducir un coche de Fórmula1- música en directo, teatro de improvisación e unha zona de foodtrucks.

Direcciones relacionadas



Compartir: