FACENDA E MOCIDADE

A área de Mocidade celebra unha asemblea de diagnose o mércores 28 de setembro

23/09/2016 Dentro da partida total dos Orzamentos Participativos, 100.000 euros destinaranse a actividades dirixidas á mocidade (entre 16 e 35 anos). Calquera persoa pode facer propostas para esta área (ata o 6 de outubro), se ben á hora de escoller as máis acaídas deberá estar censada ou ser estudante en Santiago de Compostela. As propostas rexistraranse vía web ou na asemblea presencial que se celebrará este mércores 28 de setembro, a partir das 20:30 horas, no Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal do Ensanche.

As actividades que saian finalmente escollidas pasarán a formar parte do gasto corrente, polo que deben poder ser desenvolvidas en 12 meses ou menos. O ano pasado houbera xa unha experiencia piloto de Orzamentos Participativos, resultado da cal saíron actividades diversas que xa se foron desenvolvendo ao longo deste ano na nosa cidade:

- Cine ao aire libre nos barrios.
- Hortas comunitarias e ecolóxicas nos barrios e espazos naturais accesibles, cun programa de actividades complementarias (obradoiros de horta, educación agrícola e agraria, cociña, mercado, etc.).
- Actividades teatrais en galego no Campus Vida.
- The Bloque en Bloque, festival cultural no barrio das Fontiñas (realizáronse actuacións diversas en varios bloques de vivendas do barrio).
- Marzal Cultural, actividades e coloquios de promoción da lingua galega no mes de marzo no Campus Vida (quen propuxo esta iniciativa realizou a actividade contando co apoio da Concellaría de Mocidade na súa publicidade e difusión).
- I Encontro internacional de fusión da cultura africana.
- Encontro musical con grupos locais.
- Campamento urbano.

Está previsto que proximamente se desenvolvan as seguintes actividades, tamén resultado da escolla dos OP de mocidade de 2015: cine ao aire libre, campañas contra a violencia de xénero e de sensibilización contra o maltrato animal, programa de actividades de uso dos recursos naturais, Dous minutos en bus, programa de lecer nocturno e curso de lingua de signos.

De momento, decide.santiagodecompostela.gal rexistrou 19 propostas na área de Mocidade, entre outras un taller para aprender a pasar "da idea ao proxecto real", un laboratorio de creación e de land art na zona rural, aulas de educación canina e actividades para fomentar a tenza responsable, un obradoiro teórico práctico de aproximación e impulso á arte urbana dende unha perspectiva de xénero, actividades para o fomento do deporte como mecanismo para a integración social, ximnasia mental, itinerarios teatralizados da historia compostelá, un obradoiro para recuperar a forma de desenvolver habilidades ou un festival que dea a coñecer a rede de centros socioculturais e o Matadoiro e ao tempo sensibilice sobre a celiaquía.

Direccións relacionadas



Compartir: