MOBILIDADE

O Día sen Coches deixou un aumento do 13% no uso do transporte urbano

23/09/2016 O Concello de Santiago celebrou onte o Día sen Coches, no marco da Semana da Mobilidade, e como adoita ser habitual o autobús urbano foi gratuíto durante toda a xornada. O día pechouse con 31.845 usuarios, fronte aos 28.155 do xoves anterior. Iso supón un aumento do 13,11% e de 3.690 viaxeiros.

Outra das iniciativas posta en marcha no Día sen Coches pola Concellería de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade foi a cesión gratuíta de bicicletas, nos aparcadoiros de borde de Santa Marta e Salgueiriños e na estación de autobuses. Neste caso, o número de usuarios roldou a ducia. O edil entende que "aínda queda moito por facer para promover a cultura do uso da bicicleta como modo para desprazarse no ámbito urbano". Nesta liña, Jorge Duarte apostou por seguir promocionando a utilización dos modos brandos de transporte, como medio para limitar a presenza de vehículo privado na cidade.

A Semana Europea da Mobilidade está impulsada pola Comisión Europea dende o ano 2000, e celébrase cada ano do 16 ao 22 de setembro co obxectivo de promocionar a mobilidade sostible e o desenvolvemento de boas prácticas que contribúan a paliar os problemas derivados do aumento do tráfico nas cidades. Este ano, o lema da Semana Europea da Mobilidade é "Mobilidade Intelixente. Economía Forte", e preténdese concienciar á poboación de que a mobilidade intelixente e sostible tamén ten beneficios económicos.

En Compostela, a Semana da Mobilidade incluíu varias citas de interese, como o Parking Day, o Día da Bicicleta, o Día da Mobilidade Eléctrica ou o Día da Accesibilidade.

Compartir: