XUNTA DE GOBERNO

Adxudicado pola Xunta de Goberno o servizo de telecomunicacións do Concello para darlle cumprimento a unha sentenza xudicial

23/09/2016 A Xunta de Goberno acordou hoxe adxudicarlle á UTE Telefónica Móviles S.A-Telefónica de España SAU o Servizo Corporativo de Telecomunicacións e o Servizo de Centro de Atención ao Usuario do Concello de Santiago. Deste xeito, o Executivo local dálle resposta a unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que anulou a adxudicación feita inicialmente en decembro de 2013 e que foi ratificada en marzo de 2014.

O fallo xudicial entendía que unha das empresas que optaban ao contrato, precisamente Telefónica, fora excluída inxustificadamente dese proceso, que finalizou cun contrato coa empresa R. Por iso, obrigaba ao Concello a facer unha nova baremación de todas as candidaturas, e ese procedemento remata co acordo de hoxe na Xunta de Goberno.

A adxudicación ten un importe de 239.213,18 euros, máis IVE de 50.234,77 euros. A UTE Telefónica Móviles S.A-Telefónica de España SAU ocuparase dos servizos de telefonía fixa, telefonía móbil, comunicacións de datos e servizos adicionais, así como do CAU. Como mellora, comprometeuse á instalación dun sistema de almacenamento no Concello.

Sentenzas xudiciais
O alcalde lembrou que nos últimos meses foron varias as sentenzas xudiciais chegadas ao Concello "que afectan ao día a día do labor do Goberno e ás arcas municipais". Nesa liña, Martiño Noriega lembrou que, tamén por un fallo xudicial, "o Concello terá que pagarlle un millón de euros á empresa construtora do parque comarcal de bombeiros de Salgueiriños, máis uns intereses que se achegarán aos 600.000 euros, e que son cartos de toda a cidadanía".

O rexedor sinalou que o Goberno renunciou a recorrer a sentenza "porque a posición que mantivo o Concello neste asunto ao longo dos últimos anos é indefendible, e porque non se entende o atraso no pago dunha liquidación que foi acordada con Extraco e certificada polos técnicos municipais". De aí que o Goberno decidira levar o expediente ante o Tribunal de Cuentas e ante a Fiscalía, para aclarar "se existen responsabilidades pola inacción do Goberno durante anos, que derivou nunha débeda maior por mor dos intereses, e no deterioro da estrutura do parque de bombeiros".

Outros acordos da Xunta de Goberno
A Xunta de Goberno tamén acordou hoxe abrir o procedemento de adxudicación do servizo de operación e mantemento da rede de bases de datos do Concello, cun tipo de licitación de 58.500,50 euros, máis un IVE de 12.285,11 euros. Ademais, aprobouse o proxecto de medidas correctoras para atenuar a entrada de gas radon no edificio anexo á Escola Municipal de Música.

Por último, a Xunta de Goberno aprobou o envío de documentación ao Ministerio de Facenda e Administracións Públicas para a reposición de prazas vacantes na Oferta de Emprego do Concello para o ano 2016. En concreto, a solicitude ten que ver coa convocatoria de catro prazas de bombeiro-condutor do servizo de extinción de incendios e dúas prazas da Policía Local.

Documentos relacionados

Direcciones relacionadas



Compartir: