EDUCACIÓN

O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade convocará en outubro outra edición do programa Aula de Patrimonio

22/09/2016 Este xoves celebrouse en Madrid, na sede da Federación Española de Municipios e Provincias, unha nova reunión da Comisión de Educación e Cultura do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España. A técnica municipal de Educación Beatriz Varela representou a Santiago nesta xuntanza.

Na reunión pecháronse as bases de participación da cuarta edición do programa pedagóxico Aula de Patrimonio, correspondente ao curso académico 2016-2017, que se convocará o próximo mes de outubro e no que poderán participar centros de educación primaria das 15 cidades declaradas Patrimonio Mundial pola Unesco.

Tamén se tratou a organización do IV Ciclo Música de Cámara nas Cidades Patrimonio, a serie de concertos en espazos históricos que o Grupo porá en marcha a partir de marzo de 2017 en colaboración coa Fundación Albéniz e a Escola Superior de Música Reina Sofía.

A Comisión abordou tamén, dentro da área das artes plásticas, o novo proxecto Labirintos Líricos que o recoñecido colectivo Boamistura produciu para as 15 cidades e que inicia a súa andadura mañá venres coa inauguración da primeira instalación na cidade de Cáceres. Este novo programa cultural xunta poesía, patrimonio e intervención en espazos urbanos e recalará nas cidades e da rede ata o verán de 2017.

Compartir: