ACCIÓN CULTURAL

O Festival Internacional Galicreques dedica a súa 21ª edición a Latinoamérica, de onde chegan 11 das 21 compañías participantes

22/09/2016 Dende hai dúas décadas o teatro de monicreques e bonecos ten en Galicia un referente fundamental: o Festival Internacional Galicreques, organizado pola asociación cultural Barriga Verde. O certame celebra a súa 21ª edición do 24 de setembro ao 2 de outubro, con 24 espectáculos para todos os públicos en diferentes teatros, salas e rúas de Santiago. A estes haberá que sumar 12 funcións especiais para público escolar.

O festival céntrase este ano no teatro de monicreques e obxectos de Latinoamérica, dende onde chegan 11 das 21 compañías que este ano participan en Galicreques. O director do certame, Jorge Rey, explica que "a idea do festival é sempre a de traer espectáculos que nos amosen outra mirada sobre a cultura e achegar aos nenos e ao público en xeral o teatro que se está a facer noutros lugares e que, de non ser por citas coma esta, seguramente nunca teríamos oportunidade de ver".

Os detalles do certame foron presentados esta mañá en rolda de prensa pola concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra; o director de Agadic, Jacobo Sutil; e o director de Galicreques, Jorge Rey. Todos eles destacaron esta presenza de compañías internacionais. Así, Galicreques acolle nesta edición espectáculos de compañías chegadas de Perú, Arxentina, Brasil, Chile, Uruguai, Cuba e México.

A pesar de que se trata de compañías de longa e exitosa traxectoria, e que moitas son ademais organizadoras de festivais de monicreques non seus países de orixe, para a maior parte destas compañías esta será a súa primeira actuación na península ibérica.

Entre estas compañías chegadas de Latinoamérica destacan propostas de tanta relevancia como o espectáculo Cinemano, de El Ojo Títeres, que combina a creación en directo de figuras e imaxes efémeras coa que se narran unha serie de historias de carácter urbano. Ou a dos arxentinos Tres Tigres Teatro, que presentan dúas montaxes nas que combinan os monicreques co traballo actoral e coa música. Destacable é tamén Lucía del espejo, testimonios de una piel, dos peruanos Proyecto Mariposa, un espectáculo de monicreques para adultos que combina teatro, danza, poesía e multimedia.

Lembrou Jorge Rey que o obxectivo prioritario de Barriga Verde, a asociación organizadora do festival, é fomentar o teatro de monicreques e propiciar o achegamento a Galicia de espectáculos de todo o mundo. "Iso posibilita que o público poida ver algunhas das mellores cousas que se están a facer fóra e tamén que aprenda a valorar o que aquí temos", dixo.

Un espazo tamén para o teatro galego
Nese sentido, Galicreques non esquece dedicar un espazo destacado da súa programación aos grupos de teatro de monicreques galegos. Nesta ocasión serán seis compañías as que terán a oportunidade de presentar oito espectáculos no marco do festival.

A nómina de compañías participantes complétase con outras catro chegadas dende outras comunidades autónomas españolas, como é o caso de Valencia, Aragón, Castela-A Mancha e Andalucía.

Ademais dos 21 espectáculos que conforman a súa programación central, Galicreques acollerá tamén, do 26 ao 30 de setembro, a representación en horario de mañá de 12 funcións dirixidas a escolares de diversos centros de ensino.

Premio Galicreques 2016
O festival concede cada ano un premio a unha entidade, persoa ou compañía polo seu labor no mundo dos monicreques a través de proxectos que contribúen a consolidar esta arte teatral.

A entidade galardoada neste 2016 é Topic, o Centro Internacional del Títere de Tolosa, único espazo de toda Europa dedicado integramente ao mundo das marionetas, que aposta pola imaxinación, a innovación e a orixinalidade. Topic tamén se converteu nun punto de encontro para os artistas de todo o mundo, un lugar onde aprender, mostrar, investigar, producir e compartir experiencias, información, reflexións e traballos nun espazo de vangarda, cómodo, funcional e cun equipamento de alto nivel.

Compartir: