MOBILIDADE

O autobús urbano será gratuíto mañá xoves con motivo da celebración do Día sen Coches

21/09/2016 Compostela conmemora mañá xoves o Día sen Coches, no marco da Semana da Mobilidade. Para celebralo, o autobús urbano será gratuíto ao longo de toda a xornada, e en todas as rutas.

Ademais, a Concellaría de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade quere aproveitar esta xornada para fomentar o uso de medios de transporte alternativos. Por iso, haberá cesión gratuíta de bicicletas dende os aparcadoiros de Salgueiriños e Santa Marta, e dende a estacións de autobuses. Nos tres puntos haberá voluntarios que se encargarán de recoller os datos dos interesados para poder acceder a unha bicicleta.

O obxectivo desta iniciativa é demostrar que calquera pode moverse pola cidade en bici sen necesidade de acceder cun coche privado ata o centro urbano. Tamén se pretende fomentar o uso dos aparcadoiros disuasorios de borde.

A Semana Europea da Mobilidade está impulsada pola Comisión Europea dende o ano 2000 e celébrase do 16 ao 22 de setembro co obxectivo de promocionar a mobilidade sostible e o desenvolvemento de boas prácticas que contribúan a paliar os problemas derivados do aumento do tráfico nas cidades. Este ano, o lema da Semana Europea da Mobilidade é "Mobilidade Intelixente. Economía Forte", e preténdese concienciar á poboación de que a mobilidade intelixente e sostible tamén ten beneficios económicos.

Compartir: