ACCIÓN CULTURAL

Obradoiros, proxeccións e música na 30ª Semana Cultural de Conxo

19/09/2016 A concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, presentou en rolda de prensa as actividades da 30ª Semana Cultural de conxo, que se desenvolverán no barrio do 20 ao 24 de setembro.

O acto central será o xoves 22, ás 20:00 horas, cando terá lugar unha homenaxe a Manuel Tarrío, o último trobador de Conxo, aquel que naceu en Cornes no ano 1925. "Eu son un home de Conxo, sen título nin carreira, que fala e canta co corazón, eu non sei doutra maneira", dicia Manuel cando se presentaba e comezaba a trobar. Os seus trobos, que se conservan na escrita, serán compilados nunha publicación. Acompañaranos no acto de lembranza o regueifeiro Luís Caruncho, gaiteiro e mestre da regueifa, posuidor dun talento excepcional nesta arte de trobar e gran valedor da tradición oral.

O obxectivo é "recuperar as referencias do barrio e darlle importancia aos items diferenciados que fan de Conxo un barrio diferente", destacou Xulio Noya, animador sociocultural do Centro Sociocultural Aurelio Aguirre, que será o lugar onde se desenvolva a maioría das actividades.

Inauguración e libro ilustrado
A inauguración da Semana Cultural de Conxo será mañá martes, ás 20:00 horas, xornada na que haberá tamén unha exposición de pintura ilustrada de Minia Regos. Unha mostra con ilustracións orixinais para profundar nos libros ilustrados e no proceso de creación.

Minia Regos Sanz ten un papel destacado no mundo da ilustración, contando con propostas moi interesantes en libros entre os que destacan: o libro de poemas Cantigas para aprender a soñar, de María Xosé Lamas e Minia Regos Sanz (Editorial Embora); Antela e o vento, de Pere Tobaruela, (Meubook Editora); As noces do arco da vella, de Miguel Anxo Mouriño (Editorial Galaxia); Kafka e a boneca viaxeira, de Jordi Siera i Fabra (Editorial Galaxia); Casas, de Paula Carballeira (Editorial Tambre); ou Tac, tac, tac, plof, de Minia Regos e Pepe Monteserín (Editorial Narval).

Tamén mañá, ás 18:00 horas, celebrarase un obradoiro no que os nenos e nenas de máis de 7 anos traballarán arredor do debuxo ilustrado e do proceso de creación de personaxes. O obxectivo deste obradoiro é o de crear experiencias literarias visuais e vivas.

Obradoiro de foguetes
Isaac Newton e a súa Lei de Gravitación Universal introdúcenos no mundo da exploración espacial a través do seu principal vehículo espacial: o foguete. Coa construción de foguetes e lanzamento posterior comprobarase a base científica no que se sustenta o voo destes enxeños da ciencia.

Aproveitaremos a inauguración da Semana Cultural para proceder ao lanzamento de foguetes polos rapaces e rapazas. Utilízaranse materiais reciclados.

Sobre a arte de trobar
O mesmo xoves que se homenaxeará a Manuel Tarrío, a cantautora Alba María fará un obradoiro de regueifa dirixido á rapazada. Esta cantautora ten participado en numerosos certames de poesía e improvisación, sendo unha destacada poeta e regueifeira.

García, de Dios Ke Te Crew, é un dos rapeiros máis coñecidos do país. A través do seu obradoiro de composición en verso achegarémonos á arte de rapear, de trobar en moderno. A cita é o venres ás 18:30 horas.

Peche lírico
Como colofón a esta Semana Cultural, a Compañía Lírica de Galicia vai traer á igrexa de Conxo o programa A canción galega de concerto. De Curros a Toldrás. Esta compañía que nace no 2006 para achegar o xénero lírico (opera, canto lírico ...) a todos os públicos conta con músicos excepcionais. Nesta ocasión estarán tres das principais solistas da Compañía: Teresa María Vázquez, Susana de Lorenzo e Paloma Silva, todas elas con actividade musical habitual, profesionais formadas entre nós e con recoñecemento dentro e fóra de Galicia polo seu nivel artístico en ópera, zarzuela e recitais.

Ao piano estará Javier Ares, concertista, musicólogo e profesor no Conservatorio Superior de Música de A Coruña. Todos eles coordinados polo barítono e mestre de canto Fernando Balboa, creador e director da Compañía Lírica de Galicia. A dirección técnica corre a cargo de Pilar Cabrera, profesora de Historia da Arte, e con anos de traxectoria na organización de espectáculos musicais.

Noites de lúa e cine
Outra das propostas, que xa vai para a quinta edición, é a das Noites de lúa e cine, en coordinación coa Asociación Itinera de Voluntariado en Saúde Mental. Pretende levar unha proposta de cine ao aire libre nun lugar diferente da cidade, visibilizando e dando a coñecer para a cidadanía un espazo interior do Hospital Psiquiátrico de Conxo que non está aberto de maneira habitual para a poboación xeral. Proxectaranse dous filmes clásicos no atrio interior do mosteiro

Obradoiros de electrónica, xogos populares, encontro de xadrez, baile ou campionatos de futbolín e dardos completan o programa da Semana Cultural. Conxo acolle unha morea de actividades que "permiten que volvamos colocar o foco nos barrios e construír un discurso de cidade", tal e como destacou a concelleira de Acción Cultural.

Direccións relacionadas



Compartir: