POLÍTICAS SOCIAIS

O proxecto "Mutacións urbanas" achéganos cinco accións de creación colectiva para activar Compostela de xeito inclusivo

12/09/2016 A concelleira de Políticas Sociais, Diversidade e Saúde, Concha Fernández, presentou esta mañá o proxecto Mutacións urbanas. Laboratorio de creación para activar a cidade dun xeito inclusivo. Na rolda estivo acompañada por Clara Rodríguez, responsable do mesmo.

Este proxecto foi un dos seleccionados na convocatoria de subvencións abertas da Concellería de Acción Cultural, realizado por 7H Cooperativa Cultural en colaboración co Concello. A concelleira destacou que este tipo de accións "son unha aposta por achegar a creación artística ás diversidades mediante un laboratorio de creación colectiva dirixido por recoñecidos artistas a destacar pola súa sensibilidade e formación, activando a cidade dende a responsabilidade e a implicación social".

As cinco accións creativas incluídas en Mutacións urbanas. Laboratorio de creación para activar a cidade de xeito inclusivo comezan hoxe, 12 de setembro, ás 17:00 horas, con Parcheados, proxecto consistente na colocación de diferentes parches de lá por varios puntos de Santiago, unha acción que se fará en colaboración con Feafes e Proxecto Home. Haberá tamén un taller de reciclaxe co que se intervirá nun barrio da cidade a determinar por parte dos e das participantes. Está organizado conxuntamente con Aspanaes.

O Hospital Clínico acollerá outro dos proxectos, denominado Algo máis de cor, grazas ao cal se decorarán as habitacións de Pediatría. A asociación Arelas, de pais e nais de nenos e nenas transexuais de Galicia, levará a cabo outra das accións creativas, que consistirá en varias performances ao longo da cidade. Finalmente, Mutacións urbanas traeranos Cor carne, unha investigación que xorde co obxectivo de rachar co estereotipo actual sobre as razas e as cores das persoas.

Clara Rodríguez amosouse convencida de que "este proxecto será positivo para achegar actos colectivos e creativos á veciñanza, convertendo Santiago nun laboratorio de creación cultural".

As actividades comezan o 12 de setembro e estenderanse ata o 30. Toda a información sobre os horarios poderase consultar nas redes sociais de 7H Cooperativa Cultural.

Compartir: