MEDIO AMBIENTE E CONVIVENCIA

O Concello estuda novas medidas para mellorar a seguridade na avenida de Castelao

09/09/2016 O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia deu conta hoxe da reunión que mantivo onte coa veciñanza do barrio de Vite, na que, entre outras cuestións, se abordou a seguridade viaria na Avenida de Castelao. Xan Duro explicou que os residentes solicitaron mudar a localización da parada de autobús das liñas 5 e 8, devolvéndoa ao lugar no que estaba orixinariamente. Deste xeito, facilitaríase cambiar a ubicación do paso de peóns no que nas últimas semanas se rexistraron dous atropelos.

O edil comprometeuse a estudar esta solicitude, e lembrou que a Policía Local está traballando para determinar as causas deses atropelos, "posto que nos dous casos os condutores declararon terse deslumbrado". Xan Duro sinalou tamén que nas últimas semanas adoptáronse varias medidas para mellorar a seguridade viaria na avenida de Castelao "como a supresión do dobre carril ou a limitación da velocidade a 30 quilómetros/hora".

Obras da EDAR de Silvouta
O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia tamén se referiu hoxe ás obras da EDAR da Silvouta, Foi para aclarar que as melloras na depuradora están sen recepcionar "porque o Concello instou a Acuaes a solucionar varias deficiencias antes de proceder á recepción". O pasado martes, recibiuse un correo electrónico de Acuaes informando de que esas correccións estaban efectuadas e que nos próximos días se remitirá a documentación necesaria para recepcionar as obras e que poidan entrar en funcionamento.

Compartir: