MOBILIDADE

Comeza o proceso para redefinir as liñas do transporte público, en diálogo coa cidadanía

06/09/2016 O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade presentou hoxe os detalles do borrador para a reorganización das liñas de autobús, que esta tarde lle será dado a coñecer á veciñanza nunha reunión aberta no Auditorio de Galicia, a partir das 20:15 horas. Jorge Duarte anunciou a convocatoria dunha nova xuntanza para o día 13 de setembro, para lle dar unha nova oportunidade aos cidadáns e cidadás que non poidan asistir ao encontro de hoxe.

O edil explicou que a proposta "está aberta ás suxestións da cidadanía, que serán estudadas de cara á caracterización definitiva das liñas, nun prazo de dous a tres meses". Jorge Duarte lembrou que a actual concesión remata en febreiro, e ata entón non podería entrar en vigor ningún cambio no deseño.

Menos liñas, máis frecuencias e mellor cobertura xeográfica
Jorge Duarte reiterou cales foron as premisas para redeseñar o servizo: fortalecer as tres liñas que suman o 66% dos usuarios, responder ás necesidades do zona rural, principalmente das parroquias do norte, ás que non chega ningún autobús; e favorecer a mobilidade das persoas maiores, que residen maioritariamente no contorno da cidade vella. O obxectivo último é potenciar o uso do transporte público, "dentro dun plan de mobilidade no que está traballando o Goberno é que prevé fomentar os desprazamentos a pé e en bicicleta, para gañar unha cidade máis habitable".

Clasificación das liñas por frecuencias de paso
O xerente de Tussa lembrou que esta será a primeira reorganización en profundidade das liñas de autobús, que foron deseñadas nos anos 60 e que a partir de aí só se foron adaptando ao crecemento da cidade. Para afrontar este redeseño, José Ramón Mosquera explicou que se tiveron en conta estudos e enquisas que se foron realizando ao longo do ano, en relación aos puntos con máis número de usuarios, os solapes de liñas ou os motivos das viaxes.

O resultado dese traballo é un borrador que contempla tres liñas radiais, cunha frecuencia de paso de dez minutos. Trátase, en concreto, das liñas Polígono do Tambre-Hospital Clínico; Romaño-A Rocha, e Fontiñas-Os Tilos.

A partir das radiais, deséñanse outras liñas que terían frecuencias de paso de 20 ou 30 minutos. A maiores, haberá prolongacións á zona rural con frecuencias que dependerán da utilización das liñas. Nalgunhas parroquias nas que ata o de agora non hai servizo, como Lamascal, poderíase estudar a implantación de frecuencias nos momentos de maior uso, como pola mañá, a mediodía e pola tarde.

José Ramón Mosquera salientou que outra das vantaxes do redeseño é que todos os veciños e veciñas terán unha parada de autobús a menos de 350 metros.

Presentación á veciñanza
O novo deseño das liñas de autobús seralle presentado á veciñanza nunha reunión aberta que se vai celebrar esta tarde, a partir das 20:15 horas, no Auditorio de Galicia. Para garantir que o modelo chegue ao maior número de persoas, e todas poidan facer as súas achegas, convocarase unha nova xuntanza para o 13 de setembro. A partir dese día, poderanse facer suxestións a través da web de Tussa.

Compartir: